Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Comezan os traballos da estrada que une Guitiriz co barrio do Merendero

Por 19 Xullo, 2018Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, supervisaron o inicio dos traballos de mellora que se están a realizar na estrada LU-P-2301, a vía que une o núcleo urbano deste municipio co barrio do merendero, e na que o Executivo Provincial inviste 165.237 euros.

Campos Conde puxo en valor “o esforzo inversor que o Goberno da Deputación fai en todos e cada un dos municipios da provincia na mellora de estradas, pois somos conscientes da necesidade de dotar aos veciños da provincia dunhas infraestruturas e comunicacións que, con seguridade, faciliten o seu día a día”. Neste senso, o Presidente lembrou que a provincia de Lugo conta coa rede de estradas provinciais máis extensa do estado, uns 4.200 quilómetros, e que, durante esta anualidade, e grazas a un investimento de 15 millóns de euros, “poderanse acondicionar uns 1.200 quilómetros, o que representa o 50% do total”.

Pola súa banda, Regina Polín, agradeceu a constante colaboración da Deputación na mellora dos servizos dos municipios lucenses, “pois ademais de acondicionar estradas da súa titularidade, inviste unha grande cantidade de fondos na mellora de estradas municipais”.

A rexedora explicou que estas obras responden a unha demanda histórica dos veciños do Concello pois, a excepción da N-6, é a estrada máis importante que atravesa o municipio, sendo unha das máis transitadas pois Os Vilares, Buriz e Labrada, núcleos de poboación cunha grande actividade agrícola e gandeira. 

Os traballos consisten na rehabilitación do firme nun treito de 2,4 quilómetros, comprendidos entre os puntos 5 e o 7,4, coa aplicación de aglomerado en quente, limpeza de cunetas, e incremento da seguridade, co repintado e instalación de sinalización horizontal e vertical.