Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba critica o estado de abandono do aparcamento subterráneo

Por 18 Xullo, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista vén de sinalar “a irresponsabilidade do goberno local de Vilalba” no aparcadoiro subterráneo do Concello, en concreto “pola situación na que se atopan os aseos públicos instalados neste lugar”. Segundo afirman desde o PSOE, “calquera persoa que entre nun destes aseos pode observar todos os cables das instalacións sen tapar, o que denota un perigo evidente, ademais de carecer de luz para, o que debería ser un uso adecuado dun lugar público coma este”.

Esta situación propicia “o abandono cada vez máis evidente de espazos que deberían funcionar cuns mínimos para todas as persoas que o precisen, por suposto sen entranar ningún risco debido a unhas instalacións eléctricas inacabadas baixo consentimento e desleixo do equipo de goberno”, incidiu a voceira dos socialistas, Elba Veleiro. Nesta liña, tamén sinalou que “non é de recibo que as persoas con discapacidade atopen os aseos, co acondicionamento axeitado para as súas necesidades, pechados”.

O grupo dos socialistas pedirán ao goberno local que remate con esta situación e que “tomen conciencia dunha vez por todas da necesidade de manter en bo funcionamento os servizos públicos dispoñibles para todas as persoas”. Neste senso, tamén insisten na necesidade de “debatir canto antes formas de regulación que favorezan a mobilidade dos coches e presten un servizo público a todos por igual, evitando que se empregue este aparcadoiro como un garaxe privado”, rematou Veleiro.