Skip to main content
Actualidade

Arrincan as obras na avenida de Lugo das Pontes

Por 8 Agosto, 2018Sin comentarios

A vindeira semana comezarán as obras de mellora de accesibilidade e renovación do pavimento da Avenida de Lugo despois de que o Concello das Pontes formalizase, esta semana, o contrato para a execución dos traballos coa U.T.E conformada polas empresas Barnacle Obras y Servicios S.L e BCNOR Gestión y Soluciones Avanzadas.

Esta intervención, cun orzamento de 91.904,13€ e un prazo de execución de tres meses,  permitirá mellorar unha das entradas principais ó municipio e beneficiará ó conxunto dos veciños; especialmente ós residentes na contorna.

As obras teñen como obxectivo prioritario suprimir as barreiras arquitectónicas da zona e  permitir e facilitar o percorrido pola rúa; eliminado o desnivel das beirarrúas mediante a substitución das escaleiras por ramplas ou zona de estancias.

Por outra banda, os traballos que se levarán a cabo na Avenida de Lugo tamén están destinados a mellorar a accesibilidade ás vivendas e impulsar a mobilidade na zona coa instalación de varandas nos cambios de desnivel que servirán, ao mesmo tempo, como medidas de protección.

O proxecto inclúe, ademais, a substitución da rede actual de saneamento, a renovación de todos os pavimentos do viario, a creación de pasos peonís e a instalación de novas luminarias e mobiliario urbano que contribuirán a humanizar a zona, mellorar a súa estética e crear un maior estado de benestar á veciñanza.

Trátase dun proxecto acordado, desde orixe, coa veciñanza e durante o proceso de elaboración, o equipo redactor reuniuse cos veciños afectados para barallar todas as solucións técnicas posibles e optar pola proposta que dese a mellor resposta ás demandas dos veciños.