Skip to main content
Actualidade

O BNG de Outeiro de Rei propón ao Concello que se faga co Pazo dos Gaioso

Por 29 Agosto, 2018Sin comentarios

O edil do BNG en Outeiro de Rei, Xabier Molinos, presentou unha iniciativa na que se propón que o Concello de Outeiro de Rei se dirixa aos actuais propietarios da “Casa Forte” coa finalidade de adquirir para o patrimonio municipal dito ben. O inmoble, situado no centro da vila, atópase nun grave estado de abandono dende hai moitos anos. A iniciativa do BNG insta ao goberno municipal a xestionar, perante os organismos correspondentes o financiamento necesario para levar a cabo a súa rehabilitación.

“Consideramos que o noso Concello debe ser quen de restaurar a Casa Forte dos O´Kelly, xa que así podería facer de Outeiro de Rei referencia obrigada, atraendo visitantes de todas as zonas, ao mesmo tempo que sería unha actuación exemplar desde o punto de vista de respecto ao noso pasado e ao noso patrimonio” afirmou Xabier Molinos.
Dende hai bastantes anos figura aprobado un proxecto de rehabilitación para uso hoteleiro do edificio “pero que non se dá materializado e o deterioro é progresivo a pesares de estar protexido polo planeamento urbanístico de Outeiro de Rei e figurar no Inventario Xeral do Patrimonio de Galicia do 2012 (código RI000020055), polo cal ten a consideración de ben que merece ser conservado” explicou Molinos. O edil do BNG aseverou que “o BNG traballará dende o grupo municipal e dende a representación que ten nas diferentes institucións para lograr que este ben singular de Outeiro de Rei se manteña e poña en valor como merece”.

O BNG xa fixo esta mesma proposta hai bastantes anos, cando o prezo era moito menor, pero o concello non quixo. Logo, despois das quebras e demais avatares do contratista que a mercou, tamén o concello tivo ocasión de intentar facerse con ela nas distintas subastas, pero o Alcalde seguiu sen mostrar ningún interese e tampouco deu os pasos precisos para facerse con este prezado ben.
Agora segue a ser unha obriga incorporar este ben ao patrimonio municipal e aínda que as finanzas permiten facer este esforzo, o prezo que se terá que pagar a maiores para contentar aos especuladores que a compraron e venderon todos estes anos vai ser importante, sendo esta gasto maior debido exclusivamente ao desinterese demostrado polo Alcalde todos estes anos.