Skip to main content
ActualidadeRiotorto

O PSOE de Riotorto critica a construción dunha caseta ao carón da igrexa de San Pedro

Por 2 Outubro, 2018Sin comentarios

O Secretario do PSOE en Riotorto, José García Freije, criticou a construción dunha caseta, ao carón da antiga igrexa de San Pedro, que se utilizará para incinerar as coroas das cerimonias relixiosas que se celebran no santuario. “É unha auténtica barbaridade facer esta construción con material de formigón, rompendo con todo o entorno e a arquitectura barroca que tanto nos custou manter aos veciños de Riotorto e da que estamos tremendamente orgullosos. Sorpréndenos que o bispo e patrimonio autoricen esta actuación, que sen dúbida, desmerece a este monumento” denunciou o socialista.

García Freije subliñou que “chegáronnos moitas queixas veciñais por esta obra, da que cremos que non se axusta á legalidade pois non cumpre coa normativa vixente en canto á distancia de novas construcións respecto do patrimonio”.

Rehabilitación da igrexa, unha das sinais de identidade

O Secretario do PSOE en Riotorto lembrou que foron os socialistas cando estiveron gobernando no municipio, os que recuperaron, coa axuda da Deputación, este templo que se atopaba en moi mal estado, cun investimento de 80.000 euros.

García Freije explicou que “a igrexa levaba máis de 65 anos pechada, pero entre o traballo conxunto dos veciños e o PSOE fomos capaces de rehabilitar esta igrexa do século XVII que é unha das sinais de identidade do noso Concello. Isto permitiu, tal e como demandaban os cidadáns, que a igrexa de San Pedro recuperara parte da súa actividade relixiosa. É unha pena ver como pola mala xestión e inaptitude do Alcalde do PP o monumento, do que destaca unha torre-campanario do ano 1.762, se vexa desvalorizado. O señor Iglesias González deberá explicarnos este esperpento de obra e canto nos vai a custar a todos os riotortenses”.