Skip to main content
Actualidade

A Feira do Queixo do Eume e a Mel de Goente cumpre esta fin de semana dez anos

Por 10 Outubro, 2018Sin comentarios

A Feira do queixo do Eume e da mel de Goente cumpre,  esta fin de semana, 10 anos e para celebralo, o Concello das Pontes, en colaboración coa Casa do Mel de Goente e Queserías del Eume, deseñou un programa de actividades no que os pequenos produtores do municipio terán un protagonismo especial.

A cita, que ten como obxectivo dar a coñecer, promocionar e exaltar dous dos produtos esenciais da gastronomía local pontesa, arrincará, o domingo, 14 de outubro, ás 10:00 horas, na parroquia de Goente, coa apertura dos postos de mel e queixo de produtores locais e artesáns chegados desde distintos puntos de Galicia como Os Ancares, Quiroga ou Viveiro.

O programa de actividades continuará, ás 12:00 horas, cun obradoiro, de balde, dirixido ós máis pequenos onde aprenderá a elaborar os seus propios queixos, achegándose a todos os pasos precisos na súa fabricación, desde o muxido do leite fresco ata o etiquetado do produto.

A partir das 12:30 horas comezará a mostra de xantares e unha degustación a cargo de  Pata Celta. A través desta actividade o Concello das Pontes, en palabras da concelleira Ana Pena,  “quere poñer en valor as potencialidades que os produtos gastronómicos locais teñen na cociña de vangarda, a través da unión da tradición e a innovación, en diferentes propostas culinarias, nas que se amosarán a calidade e versatilidade da mel e o queixo, produtos que conlevan importantes oportunidades económicas para o rural”.

Tras o xantar popular, a partir das 16:30 horas, os asistentes á X Feira do Queixo do Eume e o Mel de Goente, poderán participar nun novo obradoiro de queixo, aberto a todo o público, e ás 17:00 horas, o cómico David Perdomo fará gozar a veciños e visitantes co seu humor cun monólogo no que a ironía e a improvisación serán as grandes protagonistas.

Asemade, á hora da merenda, os asistentes poderán degustar os freixós elaborados pola asociación de veciños e a xornada rematará ás 19:00 horas coa entrega de diplomas ós participantes da XI Cata de meles das XIX Xornadas Apícolas do Eume e o sorteo de agasallos, tras o que quedará clausurada esta cita gastronómica.

Por outra banda, durante toda a xornada, haberá diferentes postos de comida, unha gastroneta ofrecerá hamburguesas autóctonas e xeado de mel e, veciños e visitantes poderán facer pequenas compras nos postos de artesanía e produtos ecolóxicos instalados na feira así como participar nun obradoiro de elaboración de candeas.

A edil, Ana Pena, invita e anima a todos os veciños a “participar nesta nova edición da Feria do Queixo do Eume e da Mel de Goente,  gozar dos produtos locais e apoiar, de xeito directo, os pequenos produtores e a un sector da economía local en auxe, no que cada ano xorden novos proxectos empresariais”.