Skip to main content
ActualidadeLugo

CC.OO califica de pouco ambiciosos os orzamentos da Xunta para 2019

Por 11 Outubro, 2018Sin comentarios

Comisións Obreiras (CCOO) coida “pouco ambiciosos” os orzamentos que proxecta a Xunta para o ano 2019, presentados polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, aos voceiros dos principais sindicatos. Tendo en conta as cifras, CCOO lamenta que a proposta da Administración autonómica sitúe a Galicia lonxe do nivel orzamentario do ano 2009, malia que o PIB galego medrou desde aquela. As principais críticas céntranse en catro aspectos: emprego público, políticas sociais, políticas de emprego e fiscalidade.

A secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, trasladoulle ao conselleiro que se o próximo orzamento é “expansivo e de recuperación”, cómpre recuperar os dereitos arrebatados ao persoal do sector público. Neste sentido, instou a trasladar a Galicia os dous últimos acordos estatais. Martínez manifestou que estaban recollidos nos orzamentos, tanto no que se refiere á suba salarial como ao pagamento do 100 % do salario nos casos de baixa médica.

Cómpren máis recursos para as políticas sociais

Canto á protección social, Bouza salientou a necesidade de incrementar os recursos destinados á renda de inserción (RISGA), pois hai un «desaxuste» nas cifras: só 10.000 persoas perciben esta prestación, malia que hai 33.900 fogares sen ingreso ningún. No que atangue á atención á dependencia, Galicia está no promedio estatal, pero “grazas a que a Xunta oferta servizos de baixo custo”, lamenta a sindicalista. A voceira de CCOO instou a axilizar as solicitudes, a mellorar as prestacións económicas e os servizos residenciais para as persoas dependentes, pois hai carencia de prazas públicas.

En materia de Emprego, Maica Bouza reprochou que os recursos destinados son «insuficientes».Na súa opinión, os postos de traballo que se crean en Galicia son de “moi baixa calidade”, polo que son precisas políticas que apoien o noso tecido produtivo, amais de verdadeiras políticas activas de emprego. A sindicalista tamén criticou o «nefasto modelo de formación» que está a levar a cabo a Xunta.

Contra as “baixadas indiscriminadas” de impostos

Xa no referente á política fiscal, a voceira de CCOO cualificouna de «pouco ambiciosa», porque non se usa esta ferramenta «para contarmos cunha fiscalidade progresiva na que pague máis quen máis recursos ten». Neste sentido, rexeitou as «baixadas indiscriminadas» de impostos, pois van en detrimento da capacidade de facer outras políticas.

Por último, Bouza agradeceulle ao conselleiro que reunise as organizacións sindicais para presentarlles as grandes liñas dos orzamentos, pero lamenta que non pasase documentación previa á reunión, o que permitiría facer achegas. Por esa razón, a dirixente de CCOO apunta que a valoración realizada hoxe non impide que, cando se coñeza o detalle dos orzamentos, o sindicato faga unha análise máis exhaustiva.