Skip to main content
Actualidade

A Deputación incorpora novas cláusulas na contratación de obra pública para favorecer o emprego fixo e feminino

Por 16 Outubro, 2018Sin comentarios

O vicepresidente, Argelio Fernández Queipo, destacou a aprobación de novos pregos para a contratación da conservación da rede viaria provincial, pois estes favorecen o emprego fixo e feminino na obra pública, entre outros aspectos sociais.

“Demostramos con feitos, que traballamos por unha Deputación coas persoas, social e rural. Hoxe facémolo coa aprobación dos novos pregos que rexen a contratación da conservación da rede viaria provincial, pois establecemos pioneiras cláusulas en defensa da igualdade e dos dereitos dos traballadores da obra pública, que é o sector e o convenio laboral no que enmarcan estes traballos”, apuntou o Vicepresidente.

Fernández Queipo detallou as novas cláusulas sociais incorporadas:

  • Favorécese o emprego feminino. Terase en conta a porcentaxe de mulleres que existan no cadro da empresa ofertante. A maior emprego feminino, maior puntuación.
  • Favorécese o emprego fixo. Terán máis puntuación as ofertas das entidades que conten co maior número de contratos fixos e estables.
  • Favorécense o emprego de calidade. Contarán con maior puntuación as ofertas que presenten melloras con respecto ao convenio do sector, que é o da obra pública: incremento salarial, medidas de conciliación, plans de formación ….
  • Favorécese á pequena empresa. O contrato divídese en 8 lotes e cada ofertante só poderá resultar adxudicatario de 1, evitando a absorción do conxunto de traballos por unha única entidade con maiores recursos.
  • Mantéñense un mínimo de 48 empregos. Son os dos traballadores que cando menos deberán atender as incidencias da rede viaria e prestar o servizo de conservación, posto que cada empresa debe pór a disposición un mínimo de 6 traballadores. (8×6=48)
  • Garántese o pago das nóminas, que deben acreditarse formalmente. No caso de impagos, a Deputación pode reter o aval das adxudicatarias para pagar os salarios.
  • Faranse inspeccións periódicas para garantir o cumprimento das melloras ofertadas, do convenio co sector ou o pago de nóminas. A Deputación poderá rescindir o contrato no caso de que existan problemas laborais.
  • Favorécese a protección do medio ambiente. Puntuarase favorablemente o uso de vehículos eléctricos.

6,4 millóns

Ademais de aprobar hoxe o novo prego, o Goberno da Deputación acordou iniciar o proceso de contratación destes traballos aos que achega un total de 6,4 millóns para a conservación das 8 zonas nas que está dividida a rede viaria provincial. Esta é a máis extensa de España ao superar os 4.200 quilómetros.

O vicepresidente subliñou que “para nós a mellora das comunicacións viarias son unha prioridade, pois son necesarias para verdadeiramente garantir a igualdade de oportunidades. Debemos entender e promover que a mobilidade sexa considerada como un dereito máis. Levamos feito un importantísimo esforzo inversor no arranxo da rede viaria provincial e somos conscientes de que é necesario facer moito máis. Contamos co triplo de quilómetros que por exemplo a Xunta de Galicia, que ten baixo a súa responsabilidade na provincia 1.400 quilómetros e un orzamento 100 veces maior ao da Deputación. A nós non nos chegaría un orzamento provincial enteiro, que é non acada os 90 millóns, para acondicionar nin a metade das estradas da Deputación nos 67 Concellos da provincia”, remarcou.