Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Adif explicará aos veciños de Parga o proxecto de supresión de 3 pasos a nivel

Por 9 Outubro, 2018Sin comentarios

O secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e a alcaldesa de Guitiriz, a socialista Regina Polín Rodríguez, mantiveron unha reunión de traballo coa directora Xeral de Explotación e Construción de Adif, Isabel Pardo de Vera, para afondar nas demandas dos guitiricenses a este departamento do Estado.

Os socialistas explicaron o grave problema de seguridade que dende hai moitos anos sofren os veciños de Parga debido aos 3 pasos a nivel que transcorren pola parroquia. Pardo de Vera comprometeuse a desenvolver unha reunión cos veciños para explicarlles o proxecto de supresión destes 3 pasos a nivel, incluído nun Plan Estatal que contempla a eliminación duns 4.000 en España. Nas vindeiras semanas, profesionais de Adif trasladaranse polo tanto a Guitiriz para detallar aos veciños as actuacións previstas para facer máis seguro o Concello.

Santos Ramos destacou que “saímos satisfeitos desta reunión, pois afondamos nas demandas dos guitiricenses con respecto á supresión dos pasos a nivel e acadamos o compromiso de Adif de explicar in situ aos veciños todos os detalles do proxecto de eliminación dos mesmos. As reivindicacións dos lucenses de hai meses, antes do cambio de goberno central, son as mesmas que hoxe; e as do PSOE, como partido dos veciños, o que os representa e defende, tamén. Isto nunca cambiará”.

Polín Rodríguez explicou que “existe un problema real entre a cidadanía e a proposta que presenta Adif. Por este motivo, é moi importante para os veciños que os técnicos do organismo administrador de infraestruturas ferroviarias se acheguen a Parga e lles expliquen con todos os detalles a realidade da situación. Tamén é importante para o propio Concello, pois imos a ter a posibilidade de aclarar as responsabilidades que teremos que asumir si realmente non suprimimos os pasos a nivel”.

Regina Polín apuntou que “para Adif, Guitiriz é unha prioridade, pois teñen máis de 4.000 pasos a nivel en toda España. Agardo que se tome unha decisión responsable e que satisfaga as demandas dos veciños de Parga”.

Cesión temporal do muelle

Os socialistas tamén conseguiron na reunión celebrada que Adif ceda temporalmente o muelle de carga (o espazo que está a carón do paso a nivel de Parga, que se empregaba de lugar de descarga e que hoxe está pechado) para que os veciños o empreguen cando o requiran, especialmente, nos días de feira.