Skip to main content
ActualidadeMuras

Un obradoiro de carpintería formará a dúas persoas en Muras

Por 30 Outubro, 2018Sin comentarios

O obradoiro de emprego Terras do Sor II comezou a traballar nos concellos de Muras, Ourol e O Vicedo con 20 participantes que durante os vindeiros nove meses contarán cun contrato que lles permitirá recibir formación teórica e práctica en dúas especialidades e obter un certificado de profesionalidade.

A especialidade de Traballos de carpintería e moble conta con 12 alumnos-traballadores (6 no Vicedo, 4 en Ourol e 2 en Muras), que elaborarán e instalarán elementos de madeira en espazos públicos dos municipios promotores. Principalmente, elaborarán indicadores de toponimia así como bancos e outro mobiliario para centros sociais e locais de uso comunitario.

Así, está previsto actuar na antiga escola da Balsa e na Casa do Concello de Muras, no centro social de Merille e no centro urbano de Ourol, ou nos centros sociais de San Román, Cabanas e Riobarba no Vicedo, entre outras instalacións.

Por outra banda, na especialidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais participarán 8 persoas (5 no concello do Vicedo e 3 en Ourol), que  desenvolverán as súas funcións na Residencia de maiores “Betania” de Viveiro.

Durante estes días estanse a poñer en marcha a totalidade dos 20 obradoiros previstos na provincia de Lugo, dous deles para menores de 30 anos -ambos xa iniciados, en Lugo e Ribadeo-. En total, involucran a 50 concellos, supoñen un investimento da Xunta de 5,5 millóns de euros e suman 472 contratacións.