Skip to main content
Actualidade

DHOGS proxéctase este sábado na Casa-Museo Manuel María

Por 6 Novembro, 2018Sin comentarios

DHOGS, o filme máis premiado do cinema galego último, proxéctase este sábado, 10 de novembro, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Após a exhibición do filme, o seu director, Andrés Goteira xunto outras persoas do seu equipo (Adrián Folgueira e Ismael García) manterán unha conversa co público asistente.

A fita, en que se desenvolven distintos xéneros (comedia romántica, cinema experimental, drama, western, terror, thriller…), é o debut como director na longametraxe de ficción do meirense Andrés Goteira. Producida por Gaitafilmes e Pixel Films conta no seu reparto, entre outros, con Antonio Durán “Morris”, Melania Cruz, Carlos Blanco, Iván Marcos, Miguel de Lira, María Costas… A fotografía é responsabilidade de Lucía C. Pan e a música está composta por Germán Díaz e Óscar Trigo.

O multipremiado filme rodado na nosa lingua obtivo os 13 premios Mestre Mateo na última edición dos premios da Academia Galega do Audiovisual, o premio a Mellor Longametraxe no Panorama Fantástico do FANT de Bilbao, o Premio da crítica no BIFFF de Bruxelas, o de Mellor Filme no Filmfest de Split e no Algeciras Fantástika, Mellor Filme e Mellor Actor Nocturna de Madrid, Mellor Director San Cugat Fantástico…

A sipnose da película é “mentres un estraño personaxe atravesa as rúas da cidade ao volante dun vello taxi, no bar dun luxoso hotel está Álex, unha muller que goza dunha última copa, inconsciente do monte de acontecementos que lle sucederán nas próximas horas. Despois dunha fugaz aventura cun executivo verase inmersa nunha vaga de violencia sen motivo aparente”.

A fita non é recomendada para persoas menores de 18 anos e pode facerse reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621. O prezo do billete é de 2 euros.