Skip to main content
Actualidade

A Deputación pon en macha o Plan Invernal

Por 27 Novembro, 2018Sin comentarios

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, acompañado de alcaldes da provincia, deu conta do Plan Invernal que xa ten en marcha o organismo provincial para garantir a seguridade na rede viaria provincial e municipal. Trátase dun dispositivo co que o Goberno da Deputación contribúe ao fomento do emprego na provincia, o das 7 PEMES lucenses con experiencia no eido das actuacións por incidencias causadas pola neve e xeo, que prestan servizo á rede máis extensa do estado con máis de 4.200 quilómetros.

Fernández Queipo avanzou que “o dispositivo invernal da Deputación está composto por 112 operarios e 64 máquinas, e conta con máis de 420 toneladas de sal nos 12 saleiros que hai na provincia”. Lembrou, ademais, que “na pasada campaña o organismo provincial empregou 1.000 toneladas de sal e atendeu preto de 800 incidencias, o que supón un aumento considerable respecto da pasada anualidade por mor do empeoramento das condicións meteorolóxicas”.

O Vicepresidente e Alcalde da Fonsagrada lembrou os investimentos en estradas provinciais “superamos os 35 millóns nos últimos 3 anos, e nesta anualidade estamos executando obras de máis de 18 millóns de euros. Nesa liña, o vindeiro ano, reforzaremos estas actuacións con 13 millóns para que máis da metade da rede viaria provincial conte con aglomerado en quente. Porque por riba de todo, defendemos a mobilidade como un dereito máis dos cidadáns. E a Montaña Lucense non pode quedar atrás nas melloras das infraestruturas viarias da provincia”.
Lembrou ademais “que en intensos temporais, o organismo provincial actúa en estradas da provincia de León, pois lindan coas de Lugo, por iso é mais necesaria ca nunca a colaboración entre as diferentes administracións”.

Fernández Queipo fixo un chamamento á cidadanía “para que cada vez que existan condicións meteorolóxicas adversas consulten as previsións, e fagan caso as recomendacións das diferentes administracións para circular con total seguridade”.

Incidencias
Na pasada campaña nas estradas provinciais empregáronse mais de 1.000 toneladas de sal, e actuouse en preto de 800 incidencias; das cales 565 foron relacionadas con actuacións de xeo e neve, e o resto por outro tipo de problemas nas vias como caída de arbores ou desprendementos. Os municipios nos que máis incidencias se rexistraron foron Baleira, Becerreá, Folgoso do Caurel, Cervantes, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

8 zonas de actuación
O dispositivo despregado pola Deputación atópase dividido en 8 zonas da rede viaria provincial. Por cada unha delas hai 8 vehículos -2 máquinas quitaneves con cuña, 2 tractores adaptados con saleiro e cuña, 2 pick up, adaptadas con cuña e saleiro e 2 vehículos de apoio con medios mecánicos- e 14 operarios. Isto significa que, en total, a Deputación ten 64 máquinas e 112 operarios previstos para actuar durante as 24 horas do día en calquera punto da provincia. Ademais, cada empresa adxudicataria que atende a cada zona terá que dispoñer do dobre de medios, por si fóra preciso utilizalos. A maiores aparte desta maquinaria, o dispositivo tamén conta con varias máquinas do parque móbil como palas mixtas ou camións, que se engaden ao protocolo de actuación se é preciso.

As zonas de actuación son:
Zona Norte
– Zona 1, con 530 quilómetros de vías, nos Concellos do Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Ourol, Muras, Xermade e Vilalba.
– Zona 2, con 618 quilómetros, no Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova.
Zona Centro
– Zona 3, con 668 quilómetros, en Meira, Pol, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei, Rábade, Lugo, Castroverde, Baleira, O Corgo, Láncara e Baralla.
– Zona 4, con 680 quilómetros, en Guitiriz, Begonte, Friol, Guntín, Palas de Rei, Antas de Ulla, Monterroso, Portomarín, O Páramo, Sarria e Paradela.
Zona Oeste-Sur (A Montaña)
– Zona 5, con 332 quilómetros, en Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz e Navia de Suarna.
– Zona 6, con 334 quilómetros, en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.
– Zona 7, con 313 quilómetros, en Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas do Sil.
Zona Sur
– Zona 8, con 738 quilómetros, en Bóveda, Pobra do Brollón, Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Taboada, Chantada e Carballedo.

12 silos de sal
O organismo provincial conta con 35 toneladas de sal para os 12 silos, que se encontran en Cervantes, Folgoso do Courel, Becerreá, A Fonsagrada, Ribas do Sil, Navia de Suarna, Riotorto, O Incio, Ourol, O Valadouro, Pedrafita do Cebreiro e Lugo. Como vén ocorrendo nos últimos anos, a Deputación suministra aos Concellos sal, de xeito totalmente gratuíto, para a súa aplicación nas estrada municipais.