Skip to main content
ActualidadeBegonteGuitirizPol TERRACHÁXAVilalba

Realizadas mellora en cortalumes e pistas de montes de Begonte, Guitiriz, Pol e Vilalba

Por 24 Novembro, 2018Sin comentarios

A execución de obras de mellora de cortalumes e pistas nunha trintena de montes de Begonte, Guitiriz, Pol e Vilalba tivo un custe de 172.000 euros. Trátase en todos os casos de montes de titularidade privada, na súa maioría en man común, que teñen subscrito un acordo de xestión coa Xunta.

Levaronse a cabo tarefas de apertura ou mellora de devasas, eliminando o mato existente, así como de explanación e mantemento do firme das pistas e limpeza das gabias. Neste sentido, abríronse as cunetas dos treitos afectados -en toda a súa lonxitude- para non deixar materiais que entorpeceran o paso da auga, e construíronse drenaxes transversais canalizando mediante tubaxes o paso da auga para facilitar o saneamento e conservación do firme.

O 71,5 por cento do orzamento correspondeu a actuacións nos montes de Guitiriz, en concreto das comunidades de Mariz, As Negradas, Os Vilares, Pedrafita, Pígara, Roca, San Breixo, San Salvador e Santa Leocadia.

En Pol (16 por cento do investimento) actuouse en montes das comunidades de Carazo, Orán, Susá, Lúa, Milleirós, Rioxoán, Ribón, Baille e parcialmente nos montes de Serra e Picato.

En Begonte (9 por cento) melloráronse montes das comunidades de Baamonde, Barrazoso e Fontefría, e Carballosa e Monterredondo, entre outros. E por último en Vilalba (3,5 por cento) víronse beneficiados montes das comunidades de Penarredonda e Soaxe.

Estes traballos forman parte dun plan de obras polo que nos últimos meses se executaron traballos de mellora das infraestruturas forestais en 23 concellos da provincia, por importe de 721.000 euros.