Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Culturalia presenta mañá o novo poemario de María Pereira

Por 2 Novembro, 2018Sin comentarios

O vindeiro día 3 de novembro, no local social da Asociación Gastronómica e Cultural Lar de Unta de Betanzos, terá lugar a presentación do poemario dixital Pura Vida, de María Pereira (Oslita), adicado a Sila de Luz, a rapaza de Coirós finada hai poucas semanas prematuramente por mor dun cancro e amiga da autora.

O acto, organizado por CulturaliaGZ, NPG Nova Poesía Guitirica (grupo do que forma parte María Pereira) e a Vocalía de Cultura do Lar de Unta, dará comenzo ás 18:00 horas e contará coa propia autora, diversos poetas, música e amizades e familia de Sila de Luz.

O poemario está prologado polo poeta vilalbés Martiño Maseda e editado polo soporte dixital CulturaliaGZ dentro das publicacións literarias Estraperlo Culturalia e poderase descargar gratuitamente en PDF unha semana antes do acto. Con posterioridade poderase descargar tamén no portal Galicia Digital.

María Pereira, natural de Betanzos, é documentalista, voceira dos Mariñeiros galegos en Noruega que reivindican os seus dereitos e directiva da Asociación Lar de Unta.

Ten participado en diversos recitais poéticos co grupo NPG Nova Poesía Guitirica e publicado poemas en diversas publicacións colectivas, tanto en papel como dixitais.

Este acto forma parte do programa de novidades #DoTrinque que desenvolven conxuntamente CulturaliaGZ, NPG e a Asociación Sociocultural Lareira de soños dos Vilares, e no que se presentan novidades literarias, musicais e artisticas.

Este é o segundo evento, o primeiro foi a presentación do disco A Victoria da luz de Xardín Desordenado na Escola Habaneira de Guitiriz o pasado 5 de outubro.

O acto é aberto ao público.