Skip to main content
ActualidadeGuitiriz

Adif informou en Parga do proxecto de supresión dos pasos a nivel

Por 22 Novembro, 2018Sin comentarios

Veciños de Parga mantiveron este mércores unha reunión de traballo con técnicos de Adif e municipais para valorar as posibles solucións ao grave problema de seguridade que sofren os cidadáns debido aos 3 pasos a nivel que transcorren pola parroquia. Este encontro, organizado a petición da alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, serviu para que os veciños coñeceran de primeira man o proxecto de supresión destes 3 pasos a nivel, que Adif quere desenvolver no Concello, e que se enmarca no Plan Estatal que contempla a eliminación duns 4.000 en toda España.

Os profesionais de Adif explicaron con detalle as diferentes actuacións que contempla o proxecto como a dotación dun paso inferior, por debaixo da actual vía, para peóns e tráfico rodado, con beirarrúas, así como a construción dun aparcadoiro á altura da “Casa de Lino”, como se coñece en Parga. A proposta dos técnicos inclúe outros dous pasos inferiores en Loureiro e na zona da panadería, deseñada para que sexa accesible a todos os veciños.

Os traballadores da empresa pública subliñaron que por lei teñen a obrigatoriedade de eliminar os pasos a nivel que superan o ratio, entre vehículos e trens, de 1.500. Neste caso o paso a nivel da “Casa de Lino” pasa dos 16.000 e os outros os 2.500. Ademais, outro dos requisitos que se consideran para suprimir os pasos é que exista menos de 500 metros entre cada paso, como así sucede cos 3 de Parga.

Regina Polín subliñou que “o noso compromiso é atender as demandas dos guitiricenses con respecto á supresión de pasos a nivel. Esta reunión de traballo serviu para que Adif saiba que os veciños de Parga están en contra da supresión dos pasos a nivel e que queren que a vía salga das súas casas como sucedeu en outros lugares”.

A alcaldesa destacou que “os veciños o que queren é unha liña de tren útil e proveitosa, que sexa de primeira división e non de terceira, como sucede actualmente. Necesitamos que os trens pasen por Guitiriz, cubrindo as necesidades dos nosos cidadáns”.

A Alcaldesa de Guitiriz lembrou que os socialistas conseguiron nunha reunión celebrada en outubro en Madrid que Adif ceda temporalmente o muelle de carga(o espazo que está a carón do paso a nivel de Parga, que se empregaba de lugar de descarga e que hoxe está pechado) para que os veciños o empreguen cando o requiran, especialmente, nos días de feira.