Skip to main content
Cervo

O concello de Cervo remata por primeira vez un exercicio cunha débeda bancaria inferior ao millón de euros

Por 19 Decembro, 2018Sin comentarios

O Concello de Cervo remata o ano cunha débeda bancaria que, por primeira vez, está por debaixo do millón de euros, concretamente sitúase en 937.723,73 euros, entre os dous préstamos en vigor.  Así o explicou o rexedor, Alfonso Villares, que aclarou que “xa poderiamos ter amortizados estes créditos, pero como un deles non xera xuros e o outro apenas –pagáronse 110 euros no ano 2018-, optamos por destinar estes cartos a materializar proxectos e mellorar servizos fundamentais para a veciñanza, como as redes de saneamento ou abastecemento de auga”.

Villares apuntou que “as xestións de renegociación da débeda levadas a cabo nos últimos anos polo Goberno actual propiciaron que estes intereses sexan mínimos” e precisou así mesmo que “grazas a unha política financieira seria e responsable, hoxe temos unha contas públicas saneadas e cumprimos cos requisitos que nos eximen da obriga de ter que amortizar as nosas débedas co superávit orzamentario”.

O alcalde destacou tamén a importante redución da porcentaxe da débeda viva –resultado de dividir a débeda bancaria entre os recursos do Concello- que se situaba no 1999 no 151%, que é do 14,3% ao remate deste ano e a previsión é que rolde o 10% a 31 de decembro de 2019.

O importe dos préstamos pendente de devolver no ano 1999 era de 3,7 millóns de euros e rematarase o 2019 cunha débeda de 671.562 euros.
Villares apuntou que desde o Concello somos moi conscientes de que unha boa xestión financieira é clave para poder levar a cabo investimentos e proxectos que consideramos importantes para Cervo, por iso traballamos de forma rigorosa para destinar cada vez máis recursos a esas áreas que consideramos tamén prioritarias como son o emprego, a educación ou os Servizos Sociais.

O Concello de Cervo xa ten redactado o orzamento para o ano 2019 que ascende a 7.115.000 euros. Destaca a partida de investimentos reais, por exemplo, que “incrementamos en case 120.000 euros, superando así o millón de euros, o que refrenda a aposta deste Goberno pola mellora dos servizos que se prestan tanto nas zonas urbanas como no rural”, sentenciou Villares.