Skip to main content
Mondoñedo

Ribadeo rende homenaxe a Carlos Álvarez Fernández-Cid

Por 23 Decembro, 2018Decembro 18th, 2023Sin comentarios

O Cine Teatro de Ribadeo acolleu o acto de homenaxe ao farmacéutico, profesor e músico ribadense Carlos Álvarez Fernández-Cid, que promoveu a comisión organizadora do centenario do seu nacemento. No curso da homenaxe, presentouse o volume Carlos Álvarez Fernández-Cid músico, editado coa colaboración da Xunta de Galicia. O acto estivo amenizado polo grupo 2naFronteira, composto por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli.

Carlos Álvarez Fernández-Cid músico reúne unha corentena de ensaios breves arredor da vida e obra do insigne músico ribadense. Amais destes traballos orixinais, o volume recupera catro artigos aparecidos en diferentes publicacións entre os anos setenta e os primeiros dous mil, que achegan diversas perspectivas sobre a intensa e extensa andaina persoal e profesional deste destacado músico.

O volume complétase cunha ampla e documentada cronoloxía musical do homenaxeado asinada polo seu fillo, o profesor Carlos Álvarez-Lebredo, e mais un valioso proemio do tamén profesor e académico Francisco Díaz-Fierros.

Con esta publicación, a Consellería de Cultura e Turismo, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase aos actos de conmemoración do centenario de Carlos Álvarez-Fernández Cid, recoñecendo así a importancia da súa figura e as inestimables contribucións que a el deben tanto a música galega, en xeral, coma a ribadense, en particular.

Carlos Álvarez Fernández-Cid

Carlos Álvarez-Fernández-Cid (Santiago de Compostela, 1918 – Ribadeo, 1984) foi farmacéutico, profesor, activo melómano e concertista de piano e de música de cámara. Residente en Ribadeo desde o primeiro ano de idade, a partir da súa mocidade acompañou e dirixiu diferentes formacións musicais deste concello para as que dispuxo e harmonizou innumerables partituras. Entre as entidades musicais que dirixiu cóntanse a Coral Polifónica de Ribadeo,  os coros Sagrado Corazón e Santa María do Campo, a orquestra e coro de Semana Santa ou a rondalla e a banda de música de Ribadeo.