Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Carta ao Apalpador

Por 20 Decembro, 2018Sin comentarios

Os Vilares

Benquerido Apalpador, desde os Vilares témosche un especial aprecio por varios motivos, xa que a recuperación da túa figura para o Nadal galego débese en grande medida a un nativo da nósa parroquia, José André Gonzâlez Lôpez, André da Ponte, neto do xastre da Ponte, irmao de Pedro Patricio, Pedro Trapeiro, que tantas veces ten andado polas túas terras do Courel aos farrapos… André é o autor do traballo de investigación sobre ti que deu lugar a que sexas o elemento simbolico tradicional propio do noso Nadal.

Escribimosche esta carta sabedores de que cada ano tes máis choio, pero non pedimos nada que non sexa necesario e xusto para a nósa parroquia, e que ademais son asuntos pendentes desde hai moitos anos.

Como ben sabes, nos Vilares está a casa natal do poeta Díaz Castro, e que esa entidade tan necesaria chamada Xermolos traballa para recuperar para Casa da Xente, polo que non estaria mal que botaras unha man para que as administracións apoien o que até agora lle negaron.

Temos tamén na parroquia unhas pinturas ao fresco na igrexa con máis de cinco séculos de antigüidade que si non se restauran, desaparecerán definitivamente e sería bó tamén que o Concello e a Deputación de Lugo abandonaran o seu sectarismo político e apoiaran coa igrexa e a Xunta de Galicia a definitiva salvación dos frescos.

Asimesmo, no mandato municipal que comenza o próximo ano, pedimosche que sensibilices ás forzas políticas de Guitiriz para que acometan, de acordo coa Comunidade de Montes dos Vilares, a mellora da Escola Habaneira da Conchada, que cumpre 100 anos en 2023, e está será a mellor homenaxe aos nosos emigrantes que investiron cartos e traballo en dar cultura aos seus paisanos. E teriamos moitas máis cousas que pedir, sobre todo na recuperación do noso patrimonio, a súa recuperación e posta en valor, como a mamoa das Carriceiras descuberta por nós e aínda sen sinalizar nin protexer, o cruceiro do Calvario que vai para un ano rompido e sen reparar, os cobertizos da Feira do Sete e a Casa do Sindicato en total abandono, o muíños, fontes e lavadoiros cimestos polos toxos e as silveiras… pero somos realistas e sabemos que vai ser difícil recuperar todo isto en 2019.

Polo tanto, só con ver os albaneis trabalhando na casa de Díaz Castro no Vilariño, os andamios cos restauradores recuperando os frescos da igrexa e os programas dos grupos políticos de Guitiriz incluindo a reforma e adecentamento da Escola Habaneira da Conchada, teremos andado un importante camiño para revitalizar o rural na parroquia do poeta.

Xa temos demandado estas actuacións ao Papá Noel e aos Reis Magos, pero xa sabes, son xente de fóra que non se identifica coa nosa realidade e basean todo no “márketing” e en agasallos superficiais. Recurrimos a tí que ademais de ser do país, tes coñecemento directo do lugar polo que che terá contado o André da Ponte nas moitas visitas que ten feito ao Courel e as moitas conversas que teredes botado a carón do lume.

Sabedores de que che facemos unha encomenda complicada, que é sensibilizar ás administracións sobre o que realmente importa, conta con nós para seguir loitando por salvar ao rural deste esquecemento e con él poñer en valor as nosas raíces e o orgullo do que somos.