Skip to main content
Actualidade

O BNG de Castro pide que se aplique a normativa no uso da área de autocaravanas

Por 14 Decembro, 2018Sin comentarios

O BNG de Castro de Rei trasladaralle unha petición ao alcalde  para que aplique a normativa no uso da área de autocaravanas. Neste momento leva máis de dous meses ocupada por vehículos de gran envergadura. O estacionamento nas áreas de autocaravanas está regulada por Lei e non debe exceder as 48 horas. A ocupación da área por parte dunha caravana de vehículos dun espectáculo itinerante xa ten provocado disputas con persoas que chegan a este lugar e pretenden utilizar o espazo.

O BNG non entende como o alcalde, sendo o tempo máximo de acampada 48 horas, pode permitir un estacionamento que leva xa máis de dous meses. “E si o permite, por algunha razón de premíante necesidade que descoñecemos si existe, o beneficiario deste permiso tense que adaptar as normas establecidas para o estacionamento nesta área, respectando e compartindo o uso dos servizos públicos alí instalados”, explican. Por este motivo, o BNG de Castro de Rei demanda que o alcalde, Francisco Balado, asuma a súa responsabilidade e garanta un uso da área de autocaravanas acorde as normas establecidas para o seu uso, para evitar deste xeito, enfrontamentos e conflitos futuros entre os seus usuarios.

“O concello podería acondicionar outro espazo para o estacionamento desta caravana dun espectáculo itinerante e así liberar o espazo para as autocaravanas que cheguen a Castro” afirmou a voceiro do BNG, Digna Lagarón, que sinalou “non pretendemos que se lle complique a vida ás persoas que viven deste espectáculo itinerante, pero tamén se debe facer cumprir a normativa, en igualdade, a todas as persoas usuarias da área de autocaravanas do concello”, conclúen.