Skip to main content
Actualidade

A Deputación continuará cos cursos de novas tecnoloxías para maiores

Por 22 Decembro, 2018Sin comentarios

O presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos Conde, anunciou “o compromiso do Goberno cos maiores da provincia de continuar coa programación para o fomento do uso das novas tecnoloxías a través novo Servizo de Audiovisuais, que se porá en marcha o 1 de xaneiro coa disolución a Fundación TIC. Ademais, potenciaremos de forma sensible esta actividade para achegala aos 67 concellos da provincia”.

Campos Conde, que estivo acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, fixo este anuncio durante a Festa de Nadal coa que rematou a encomenda da Deputación á Fundación TIC para xestionar esta actividade. Os dous mandatarios compartiron a xornada cos usuarios do InLugo, na que puideron xogar aos bolos coa X-Box, cantar panxoliñas coa axuda de YouTube ou fotografase en diversas localizacións grazas ao croma. Ademais, levaron unha fotografía de recordo na que posaron todos xuntos co presidente e a alcaldesa.

En breve, no Servizo de Audiovisuais

O presidente dixo que “a integración da TIC na Deputación implica un proceso administrativo complexo que vai supoñer un parón nesta actividade, aínda que agardamos retomala durante o primeiro trimestre de 2019, incluso incrementándoa. Tomamos esta decisión porque cremos firmemente na utilidade das novas tecnoloxías como ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida de todos os veciños da provincia, e moi especialmente dos máis maiores. En pleno século XXI son tan importantes as comunicacións por estrada como a comunicación a través das novas tecnoloxías”.

20.000 solicitudes desde 2013

Desde a súa creación en 2013, os cursos e obradoiros para maiores rexistraron arredor de 20.000 solicitudes, “unha demanda que foi medrando considerablemente de ano en ano. Por poñer só un exemplo, no último trimestre de 2018 houbo máis solicitudes que en todo 2015”, apuntou o presidente a Deputación. Nas enquisas de satisfacción que se fixeron desde a primeira tempada, a práctica totalidade dos usuarios amosou o seu desexo repetir os cursos. Para dar resposta a esta demanda completouse a programación con talleres de reforzo.

Ademais, e atendendo ás peticións dos maiores, desde 2016 duplicouse o número dos cursos máis solicitados, que son os relativos ao uso básico do móbil e tableta ou de iniciación á Internet, así como os obradoiros de memoria e de estimulación cognitiva e funcional.

Seis anos cos maiores da provincia

O InLugo naceu en 2013 dentro do programa InnovaTe, cofinanciado nun 80% con fondos europeos e nun 20 % cos da Deputación. Unha vez rematado en marzo de 2015, e ante o éxito da iniciativa e a alta demanda por parte dos usuarios, a institución provincial asumiu o Plan con fondos propios a través dunha encomenda pola que a actividade pasou a ser xestionada pola TIC ata este 15 de decembro. Coa disolución da Fundación o 31 de decembro de 2018, a Deputación asumirá directamente esta actividade a través do novo Servizo de Audiovisuais.