Skip to main content
ActualidadeCospeito

O domingo terá lugar o roteiro de Adega pola lagoa de Cospeito

Por 10 Decembro, 2018Sin comentarios

O vindeiro domingo, 16 de decembro, ADEGA-Lugo organiza o último roteiro deste ano, no marco do programa Fauna d’aquí 2018-2019, dedicado ao coñecemento e posta en valor da fauna autóctona de Galiza. O destino escollido será a Lagoa de Cospeito, un dos humidais máis importantes de Galiza, onde centos de aves atopan acubillo para pasar a invernada.

En pleno corazón da Terra Chá e abastecida polas augas do Guisande, na conca fluvial do Támoga, afluente do Miño, a Lagoa de Cospeito representa a máis grande do Complexo Húmido da comarca. Pertence á Rede Natura 2000, formando parte do LIC Parga-Ladra-Támoga, enmárcase na Reserva da Biosfera Terras do Miño e foi declarada como Espazo Natural en Réxime de Protección Xeral pola Consellería de Medio Ambiente.

Malia ter sufrido un proceso de desecación na década dos sesenta para a produción agrícola, modificando o aspecto das dúas lagoas orixinais, coa conseguinte perda de biodiversidade e de grandes extensións de matogueira, os traballos de recuperación levados a cabo conseguiron que na actualidade constitúa un lugar de grande diversidade ecolóxica, refuxio de moitas aves migratorias. Nos meses de inverno pódense observar numerosas especies que chegan desde o norte de Europa, como a avefría, representando este un dos poucos lugares de Galiza onde cría.

PERCORRIDO

A lonxitude do roteiro será de 14 km e a dificultade baixa. A ruta partirá do Centro de Interpretación, darase unha volta polos sendeiros entre bosques que rodean a lagoa, deténdose nos observatorios para buscar grandes bandos de lavancos e cercetas, entre os que se agochan outras especies curiosas como o cullerete, o parrulo cristado ou o asubiador. Tamén se poderán atopar indicios da presenza do xabaril ou da algaria. Continuando a andaina entre terreos agrícolas, forestais e prados húmidos, nos que habita numerosa fauna como o limpafontes e outros anfibios, ou a esquiva avefría, pasarase preto da Lagoa da Carballosa, rematando o percorrido en San Martiño de Lamas.

A reserva de praza deberá realizarse preferentemente a través do formulario de reserva da nova páxina web dos roteiros http://roteirosadegalugo.wordpress.com, aínda que tamén será posible facela por teléfono, chamando ao 982 240 299 ou ao móbil 670 260 440. As prazas cubriranse por orde de inscrición ata o xoves, 13 de decembro.