Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE critica a posta en marcha de dúas liñas de bus entre San Simón e Vilalba

Por 17 Decembro, 2018Sin comentarios

O Grupo Municipal Socialista de Vilalba vén de facer unha crítica ante o anuncio do goberno Baamonde para a posta en marcha de dúas liñas de autobús que conectarán San Simón da Costa e o casco urbano de Vilalba. Censuran esta medida despois dun ano da súa negativa ante a petición dos socialistas de recuperar as liñas suprimidas pola Xunta de Galicia tras a modificación do Plan de Transporte.

O PSOE de Vilalba presentou no pleno ordinario de setembro do pasado ano 2017 unha moción na que solicitaban do goberno local a recuperación deste servizo, tendo en conta a grande dispersión do territorio e poñendo de relevo que a modificación prexudicaba gravemente á veciñanza do rural deste municipio. “Pasou máis dun ano desde que o Partido Popular votou en contra da nosa proposta, e agora anuncian a posta en marcha de dúas liñas intentando enganar cunhas condicións de temporalidade e financiamento que non podemos compartir”, subliñou a voceira dos socialistas, Elba Veleiro.

Na opinión do Partido Socialista, a negativa do PP vilalbés no 2017 provocou “unha falta inexcusable do servizo ao longo de todo este tempo”, mais o que critican con máis insistencia é o carácter provisional destas liñas así como que os custos estean sufragados polas arcas públicas vilalbesas. Polo tanto, Veleiro reclamou que “aínda que cun retraso notorio, esperemos que se leve a bo término o proxecto, recuperándose non só estas liñas senón tamén outras moi necesarias para as persoas que viven nas nosas parroquias, e que sexa a cargo da Xunta e non das arcas municipais”.