Skip to main content
ActualidadeAlfoz

O alcalde de Alfoz asegura que as estradas e camiños municipais son seguros

Por 18 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, destacou que “case a totalidade das estradas e camiños municipais están acondicionados para que os nosos veciños poidan circular por eles con total seguridade”. Fixo estas afirmacións para desmentir as declaracións do voceiro do PP, Juanjo Fraga.
O rexedor socialista explicou que durante todo o ano o goberno municipal realiza os traballos de mantemento e limpeza das vías que transcorren polo Concello mariñán. “O señor Fraga está mentindo descaradamente. É lamentable que esa sexa a súa forma de facer política. Ademais, é curioso que critique que as cunetas non están limpas cando el é o primeiro que non o fai, pois ten unha actividade agraria e para acceder ás fincas encher as cunetas en vez de colocar salvacunetas”.
“Parece que o voceiro do PP espertou do letargo no que estivo inmerso toda esta lexislatura e agora quere facer o que non fixo durante estes 3 anos e medio. Agardamos que presente iniciativas que de verdade busquen a mellora das prestacións públicas dos nosos veciños e non este tipo de difamacións que o único que fan é desprestixiar a súa persoa”.
Ponte de Guilifonso
Jorge Val subliñou que o problema de acumulacións de auga cando chove que acontece na estrada da ponte de Guilifonso non depende do Concello, se non de Augas de Galicia. “Dende o equipo de goberno trasladamos esta situación á Xunta de Galicia pero a única solución que nos ofrece é tirar a ponte e construír unha nova. É evidente que o Concello non ten a capacidade económica para asumir ese investimento, polo que necesitaríamos axudas doutras administracións para sacar este proxecto adiante. Mentres tanto, actuamos sobre o firme da vía con area especial para salvagardar a seguridade de todos os veciños que circulen por ela”.
Ponte de Centoi
O alcalde explicou que xa se trasladou ao servizo de vías e obras da Deputación a necesidade de mellorar a seguridade da LU-P-0207 ao seu paso pola ponte de Centoi. “Os compañeiros do Executivo Provincial confirmáronme que proximamente realizaran os traballos necesarios para paliar estes danos”.