Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXARibadeo

O evento gastronómico Ribadeo de Tapeo celebrarase do 11 ao 19 de maio

Por 28 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios


O Ribadeo de Tapeo 2019 terá lugar do 11 ao 19 de maio. As datas e o cartel foron presentados en Madrid aproveitando a presenza do Concello en Fitur e na Casa de Galicia, onde tamén se deu a coñecer internacionalmente o Ribadeo Indiano xunto a Acisa.
A concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Ana Martínez, contou que “neste marco de promoción turística como é Fitur, a feira internacional de turismo de Madrid, quixemos traer desde o Concello de Ribadeo tamén a promoción dun dos proxectos máis importantes e un dos máis antigos da provincia e de todo Galicia, que arrancou xa hai uns anos, como é o Ribadeo de Tapeo”.
A edil ribadense tivo palabras de agradecemento para os responsables dos dous locais de Ribadeo, que foron os encargados de ofrecer o cóctel que tivo lugar o pasado xoves na Casa de Galicia en Madrid: “agradecer desde aquí tamén a presenza de dous dos gañadores do ano pasado do Ribadeo de Tapeo, como son os establecementos El Piano y El Oviedo, que foron uns dos premiados no 2018 e que se achegaron para colaborar na presentación internacional do Ribadeo Indiano. Polo tanto desde aquí coa súa achega persoal de traballo, de esforzo, de achegarse a Madrid para presentar a gastronomía local dun xeito desinteresado agradecer dunha maneira particular e desde logo de corazón desde o Concello de Ribadeo esa participación para axudar a esa promoción”.
E engadiu: “polo tanto xunto a estes hostaleiros queremos presentar este Ribadeo de Tapeo 2019 e convidar á xente a que garde as datas do 11 ao 19 de maio para achegarse de novo a Ribadeo a degustar eses petiscos, que durante todo o ano se van configurando nas cociñas dos nosos establecementos, que se fan con cariño, con esa maxia que se aporta en moitas ocasións desde os case 50 establecementos que ano tras ano participan no Ribadeo de Tapeo”.
Ana Martínez subliñou: “polo tanto xa temos cartel, xa temos datas, xa temos á xente acendendo fogóns e ideas. E, como vos digo, reservade do 11 ao 19 de maio do 2019 para achegarvos a degustar as tapas do Ribadeo de Tapeo”.