Skip to main content
Actualidade

Abanca e o GDR 2 Terra Chá renovan un convenio para impulsar proxectos

Por 2 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Abanca e a Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá (GDR 2) veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, a reactivación económica desta comarca do interior de Galicia.
O presidente en funcións do GDR, José Ulla Rocha , e a directora de zona de ABANCA en Lugo Oeste, Zaira Dapena Castro, rubricaron hoxe en Begonte un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial da provincia de Lugo.

O convenio facilita que os asociados ao GDR e os beneficiarios dos proxectos vinculados a este grupo accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Así, os clientes interesados poderán contratar produtos como pólizas de crédito, préstamos persoais e hipotecarios, leasing mobiliario, anticipos de subvencións, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo tamén inclúe condicións especiais na contratación de liñas de comercio exterior.

Precisamente o acento deste texto asinado hoxe está posto no financiamento do activo fixo para a posta en marcha de novos proxectos e a mellora competitiva dos actuais. Ofrécense produtos propios e programas oficiais con organismos autonómicos e estatais para investimentos. Outro punto relevante do convenio dá resposta ás necesidades de circulante das iniciativas empresariais, grazas a unha póliza de crédito especialmente deseñada para atender tensións de tesourería.

Do mesmo xeito, os empresarios e emprendedores poderán acceder ás vantaxes que ofrece o Programa Cero Comisións de Abanca, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.

A Asociación de Desenvolvemento Comarcal da Terra Chá é un organismo sen fins de lucro constituído polas institucións públicas e entidades privadas dos ámbitos económico, social, cultural, veciñal e ambiental da comarca chairega e involucrado no desenvolvemento do seu territorio. A asociación está presente nos concellos de Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras, Riotorto, Vilalba e Xermade e xestiona fondos do programa comunitario Leader 2014-2020. Pola súa banda, Abanca é a primeira entidade financeira de Galicia e conta coa rede máis extensa de oficinas da comunidade e cunha oferta adaptada para autónomos e pemes.

Para ter máis información sobre todas as axudas do programa Leader 2014-2020 pódese preguntar nas oficinas da Asociación Terra Chá sitas na rúa Carmiña Prieto Rouco s/n,(Edificio da Xunta de Galicia) en Vilalba, chamar ó teléfono 982 52 30 13 ou por correo electrónico terrachanaturalmente@gmail.com.