Skip to main content
Actualidade

Arrinca a segunda edición do PIE Pontes de Emprego

Por 9 Xaneiro, 2019Sin comentarios

A vindeira semana, arrincará nas Pontes a segunda edición do programa Integrado de Emprego de Galicia, “Pontes de Emprego” subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanaciado polo Concello das Pontes, tras concluír a finais do mes de decembro o proceso de selección do alumnado.

Trátase de 100 mulleres, con dificultades para acceder ao mercado laboral, pertencentes a colectivos vulnerables (vítimas violencia, mulleres en risco exclusión social, menores de 30 anos de baixa cualificación e mulleres con discapacidade) que terán a oportunidade de mellorar a súa ocupabilidade e adquirir as competencias profesionais demandadas pola contorna para promover a súa inserción laboral.

As sesións informativas, de asesoramento individual e grupal, de orientación laboral xunto coa posta en marcha das accións formativas de creación de currículo vitae, videocurrículo e currículo web, elaboración de cartas de presentación, formación para afrontar unha entrevista de traballo e as sesións de coaching sobre intelixencia emocional e motivacional para a procura de emprego darán o pistoletazo de saída a un programa que contará cun amplo abano de accións, axustadas a cada unha das beneficiarias.

Formación orientada á obtención do certificado de profesionalidade de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, formación transversal en novas tecnoloxías, curso de inmersión lingüística, fomento da capacidade emprendedora, curso de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora, actividades auxiliares de almacén, curso de prevención de riscos laborais, curso de silvicultura e xardinaría, prospección empresarial, prácticas profesionais non laborais en empresas, de acordo co contido teórico-práctico do Programa Integrado de Emprego de Galicia son algunhas das accións que levarán a cabo ata finais do mes de outubro de 2019.

Ademais, o Programa Integrado de Emprego de Galicia contará con medidas específicas para evitar que as cargas familiares e a conciliación familiar se convertan nunha barreira para mellorar a cualificación das beneficiarias. Nese sentido, Ana Pena subliña que “unha das prioridades de Pontes de Emprego II é coñecer e fixar un perfil profesional para cada unha das beneficiarias; desenvolver un itinerario de inserción e formativo personalizado, realista e axustado ás circunstancias de cada unha das alumnas, para promover unha inserción laboral duradeira e cumprir así co obxectivo de inserción de Pontes de Emprego II que se sitúa no 35%”

A concelleira tamén sinala que se trata dun programa máis ambicioso que o da edición anterior. O número de alumnos aumenta ata os 100 mentres que o pasado foron 85 os beneficiario. O 36% logrouse incorporar ao mercado laboral, en empresas privadas e cun compromiso laboral de máis de tres meses de duración, e durante os 12 meses que durou o Programa Integrado de Emprego foron 44 os alumnos que lograron un contrato de traballo.

“Son datos que nos deixaron moi bo sabor de boca e inxéctannos unha dose de optimismo de cara a esta nova edición e motívannos a continuar apostando por mellorar a cualificación da veciñanza para impulsar a súa incorporación ó mercado laboral con maiores garantías” remarca Pena.

O orzamento do Programa Integrado é de 170.312,50€ euros, dos cales 136.250€ euros son aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e 34.062,50€ euros polo Concello de As Pontes.