Skip to main content
Actualidade

A Deputación leva a provincia de Lugo a tres grandes Feiras turísticas nos primeiros meses de 2019

Por 12 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, anunciou que durante os meses de xaneiro e febreiro a Deputación participará en tres importantes feiras de turismo: “van ser dous meses de intenso traballo turístico, a participación nestas feiras supón un marco idóneo para dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece a nosa provincia. Comezaremos en FITUR, a feira de turismo máis importante de carácter Iberoamericano, despois acudiremos á Xantar en Expourense, que cumpre o seu 20 aniversario promovendo o turismo a través da Enogastronomía; e deseguido asistiremos á segunda edición da Feria Fairway, dedicada á promoción do Camiño de Santiago” avanzou o deputado.

O Executivo aposta por dar a coñecer a provincia como destino turístico de calidade, sostible e que poña en valor o patrimonio, material e inmaterial lucense nas feiras máis importantes do sector, así nestes primeiros meses de 2019 está confirmada a presencia en FITUR o día 24 de xaneiro, en Xantar entre o 6 e o 10 de febreiro e en Fairway desde o 10 ao 12 de febreiro.

Vidal Baamonde sinalou “puxémonos en contacto con todos os concellos da provincia para darlles a posibilidade de participar nestas feiras unindo sinerxías para darse a coñecer entre o público especializado, nunha clara aposta pola promoción turística do conxunto da nosa provincia”.

FITUR

Un ano máis o Goberno da Deputación acudirá a esta importante cita para a promoción turística da provincia, Vidal Baamonde explicou: “queremos mostrar todas as caras deste poliedro que é a nosa provincia, pois segue sendo unha gran descoñecida. Fomentamos a oferta dun turismo con milleiros de posibilidades, ninguén debe perderse todas as xoias que temos en cada un dos nosos concellos. O Goberno da Deputación é o principal colaborador das principais citas turísticas da provincia”.

XANTAR

Neste 2019 Xantar celebra a súa 20 edición, é a única feira de Turismo Gastronómico recollida no calendario oficial de “Feiras Comerciais Internacionais” españolas, que reúne a empresas de restauración, produtores, entidades públicas e privadas, de España e Portugal, ademais este ano conta con Brasil como país convidado. “Non podemos esquecer que a Gastronomía é unha das maiores potencialidades da nosa provincia, ten unha gran repercusión tanto en Galicia como en toda España, moita da xente que nos visita está interesada en coñecer e ser partícipe da coñecidísima marca …E para comer, Lugo” expuxo Vidal Baamonde.

FAIRWAY

Fairway é unha innovadora proposta de Congreso bienal que pretende xuntar todo o que supón o fenómeno do Camiño de Santiago, contará con mesas de debate e obradoiros, ademais da propia feira. A provincia de Lugo participa por primeira vez neste evento para dar a coñecer a importancia do Camiño como eixo económico e turístico: “en Lugo temos máis de 800 quilómetros itinerarios xacobeos, o tramo máis longo de entre as 4 provincias galegas, que percorren 30 concellos, divididos entre catro rutas oficiais: Camiño Francés, Norte, Primitivo e de Inverno e ademais o Camiño do Mar, trazado costeiro do Camiño Norte. Destacamos tamén que as Catedrais de Lugo e Mondoñedo foron declaradas Patrimonio da Humanidade grazas ao paso do Camiño Primitivo”.