Skip to main content
Actualidade

30 alumnos do IES Terra Chá José Trapero Pardo formáronse en emprendemento sostible

Por 17 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, mantivo un encontro no Salón de Actos do IES Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro Riberas de Lea, cos 30 alumnos que participaron no VI Campus de Emprendemento Sostible.

Xunto coa Directora e profesorado do centro, Fernández Queipo fixo entrega dos diplomas e salientou que “o Campus de Emprendemento Sostible é unha iniciativa pioneira da Deputación de Lugo coa cal estase a ofrecer formación e asesoramento gratuíto para xerar novas oportunidades no rural como saída laboral, que impulsen a creación de empresas e postos de emprego que freen o despoboamento demográfico”.

O Deputado de Medio Ambiente dirixiuse aos mozos que participaron no campus destacando que “na Reserva da Biosfera Terras do Miño existen oportunidades de negocio sostibles que poden xerar riqueza na nosa provincia e que vos poden permitir vivir no noso territorio”.

Fernández Queipo subliñou que “a través deste plan, dende o Goberno da Deputación, impulsamos o emprego ofrecendo gratuitamente a todos os lucenses formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas empresariais exitosas e consolidadas, con visitas ás mesmas, co obxectivo de abrir novos negocios ou reconverter os existentes en algún dos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses”.

Emprendemento no IES A Terra Chá José Trapero Pardo

Un total de 30 alumnos do IES Terra Chá José Trapero Pardo do Concello de Castro de Rei, con idades entre 18 e 50 anos, que están a cursar os ciclos formativos de Técnico superior en xestión forestal e medio natural e de Técnico superior de paisaxismo e no medio rural recibiron formación en emprendemento sostible grazas á Deputación.

Os mozos realizaron os cursos de motivación e xeración de ideas e o de maduración de ideas empresariais. Nestas dúas actividades formativas os estudantes coñeceron novas tipoloxías de empresas con valores sociais e medioambientais, que se presentan nos Campus coma un exemplo de boas prácticas coa contorna e coas xeracións do futuro; e afondaron sobre a viabilidade comercial, técnica, legal, medioambiental e económico-financeira dun negocio.

Para finalizar a formación, os rapaces visitaron as instalacións de varias empresas lucenses para coñecer de primeira man iniciativas empresariais exitosas enmarcadas na Reserva da Biosfera Terras do Miño que están a revitalizar o rural lucense.  En O Corgo, tiveron a oportunidade de coñecer a un emprendedor artesán que participou nestes Campus hai dous anos e agora dedícase ao cultivo, transformación e decoración de cabazas para deseñar, crear e comercializar lámpadas, artigos de decoración e complementos.

Unha vez rematado este campus ofrecéronse unha serie de titorías para prestar asesoramento personalizado ao alumnado que desexou continuar o traballo de maduración das súas ideas iniciado durante o campus.

Preto de 500 participantes e 21 empresas creadas

Dende a posta en marcha desta iniciativa formativa e de asesoramento da Deputación para buscar novas oportunidades no rural, foron xa case 500 as persoas de todas as idades que recibiron esta formación de xeito totalmente gratuíto, que produciron a creación de 21 novas empresas na provincia.

A formación gratuíta ofertada polo Executivo Provincial a través destes Campus de Emprendemento Sostible permitiu, polo de agora, a creación de 21 novas empresas na provincia de Lugo: A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Artesanía Calabazas Mago de Luz (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).