Skip to main content
ActualidadeBurela

O PP de Burela afirma que o alcalde está incumprindo o seu compromiso coa A-8 e na N-642

Por 25 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular de Burela asegurou que “o alcalde está a incumprir o que el mesmo prometeu no pleno do mes de novembro en relación coa mellora da sinalización de Burela e do Hospital da Mariña na A-8 e na N-642, cando votou en contra dunha moción do Grupo Municipal Popular ao respecto. Naquel pleno anunciou a mellora inmediata da sinalización e fixo referencia á existencia dun compromiso da subdelegada de goberno de Lugo, como responsable na materia e que en poucos días se visualizaría a mellora da sinalización. Pois ben, pasados dous meses, aínda non vimos nada que nos faga pensar que Llano vai cumprir co que dixo, o que non é estraño, porque o alcalde non cumpriu nada do que anunciou durante os últimos catro anos”.
Para os populares, “Llano está instalado no sillón da alcaldía e todo o que sexa moverse do mesmo para xestionar significa esforzo e traballo, algo que o supera, como levamos vendo nestes últimos anos. Debería explicar como os alcaldes de Alfoz e Valadouro xa lle arrancaron un compromiso de mellora da sinalización dos seus concellos á subdelegada do Goberno en Lugo, con foto incluída, e el, que tanto lle gusta saír nas fotos, aínda non foi capaz de facer unha con anuncio semellante para Burela”.
Os edís do PP alégranse do cambio de criterio do alcalde con respecto á cobertura da praza de logopedia do Centro de Atención Temperá, “praza subvencionada ao 90% pola Xunta de Galicia. Convocando o procedemento para a cobertura da praza, o alcalde, indican, está facendo o que o Grupo Municipal do PP lle solicitou no pleno do pasado novembro. É dicir, facer as xestións pertinentes para que a indicada praza estea cuberta todo o ano e non aconteza coma en 2018 no que a praza non se cubriu durante os meses de xullo, agosto e nove días de setembro cando a subvención da Xunta, de máis de 93.000 euros, era para todo o ano”.
Desde o Grupo Municipal Popular lembran que “Llano, no pleno de novembro, votou en contra dunha moción do PP na que se solicitaba precisamente o que agora está a facer. E mesmo de que o centro continuase en Burela e solicitarlle á Xunta que mantivese e mesmo aumentase a subvención. Isto pareceunos inaudito. Ante esta convocatoria de cobertura da praza para doce meses é evidente que Llano só acerta cando rectifica”, conclúen.