Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

O PP de Burela esíxelle ao alcalde convocar aos representantes legais dos traballadores

Por 29 Xaneiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O Grupo Municipal Popular burelés lamentou “o bochornoso espectáculo que está a dar Alfredo Llano ao non convocar aos representantes lexítimos dos traballadores municipais demostrando un talante totalitario e caprichoso que concorda perfectamente co seu xeito de ser, ben afastado da imaxe que quere dar. O alcalde debería reflexionar e, se é que ten algo realmente que presentar na mesa de negociación, sentarse inmediatamente a negociar”.
Os populares esíxenlle ao alcalde que “convoque xa a mesa de negociación, que presente un documento  de proposta de Relación de Postos de Traballo, unhas bases para recuperar o fondo social dos traballadores, un documento para negociar o abono dos servizos extraordinarios, etc., e sobre eses documentos tentar chegar a acordos. Todo o demais que diga o Sr. Llano serán fogos de artificio”.
Os edís do PP afirman que “as mesas de negociación están para iso, para negociar. E a quen lle corresponde plantexar propostas é á alcaldía. O alcalde xa sabe o que queren os traballadores porque levan catro anos dicíndollo, como se desprende das actas das distintas mesas de negociación, atopándose sempre coa mesma resposta: ‘iso hai que velo ben’. Isto ten provocado que en certo momentos se producisen auténticos momentos de tensión. E así, facendo que se ve pero sen ver nada, leva este alcalde catro anos, neste asunto e en todos os que atinxen á vida municipal”.
Desde o Grupo Municipal Popular lembran que “este grupo político denunciou reiteradas veces o retraso na elaboración da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) que o propio alcalde anunciou en xuño de 2016 como ‘inminente’. E agora semella que o alcalde pretende a supresión de certos postos de traballo, mesmo algúns ocupados por persoas que levan moitos anos traballando”.
Ademais, os populares aseguran que “temos constancia de supostas presións por parte do alcalde a determinado persoal laboral, o que demostra unha covardía e baixeza moral. Faino con determinado persoal laboral porque é o máis vulnerable, pero non o fai co persoal funcionario, por exemplo, porque sabe que podería escoitar unha resposta que non lle agradaría demasiado”.
Os edís do PP indican que “a situación que se está a vivir é inédita non só no Concello de Burela senón en todos os concellos da Mariña:  o alcalde non negocia nada e os traballadores municipais cada oito días na praza do Concello, no tempo legal de descanso, pedíndolle que negocie. O que nos leva a unha conclusión: Llano non se senta a negociar porque non ten nada que ofrecer”.
Finalmente, desde o Grupo Municipal do PP afirman que “na historia deste Concello ata o momento na mesa de negociación só se trataron dúas RPTs: a de 2006 elaborada polo PP, que é a que está en vigor, e a que se presentou a principios de 2015, tamén polo PP, e que non foi aprobada polos traballadores. O primeiro acordo de condicións de traballo dos funcionarios e o primeiro convenio colectivo do persoal laboral foron obra, no seu día, das negociacións dun goberno do PP cos sindicatos”.