Skip to main content
ActualidadeRibadeo

APAGA organiza unha fin de semana tecnolóxica que tratará sobre vehículos eléctricos

Por 30 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Os días 2 e 3 de febreiro terá lugar en Ribadeo, nas instalacións do hotel O Cabazo, unha nova fin de semana tecnolóxica. Está organizada por Apaga (Asociación de Profesores de Automoción de Galicia). Técnicos de PSA Peugeot Citröen, de Vigo, serán os encargados de impartir a formación teórico-práctica, en horario de mañá e tarde, e en dúas quendas, unha o sábado e outra o domingo. O presidente Álvaro Doural subliña a grande acollida que tivo esta convocatoria na que os vehículos eléctricos serán os protagonistas. 30 son as persoas que recibirán esta formación os días 2 e 3 de febreiro. 
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, manifestou que “desde a asociación, como nestes últimos anos, se está programando unha formación para profesores e técnicos de empresa. É unha formación que se fai as fins de semana, pero esta vindeira é un pouco especial porque se vai facer unha sesión o sábado e outra o domingo. A actividade que está programada é sobre vehículos eléctricos e vai ser impartida por técnicos da fábrica de PSA Peugeot Citröen de Vigo. A convocatoria tivo unha gran afluencia de solicitudes, neste momento creo que hai aproximadamente sobre unhas cincuenta e pico persoas das que, sentíndoo moito, imos ter que descartar case a metade. O curso é teórico-práctico e non podemos pasar de 15 persoas en cada sesión”.
Doural explicou que “o curso vaise impartir no hotel O Cabazo, en sesións de mañá e tarde. Seguimos coa nosa sede nestas instalacións dunha empresa que leva colaborado con nosoutros desde hai varios anos e agradecemos o seu apoio. Sen eles ao mellor hoxe Apaga non estaría en Ribadeo, estaría noutro municipio”.
O presidente de Apaga salientou sobre a temática do curso que se vai impartir a vindeira fin de semana que “é un tema que está aí, estase falando continuamente en medios de comunicación e revistas técnicas e hai unha gran preocupación no sector de talleres e de reparación pola chegada de todo este tipo de vehículos que están aí, é dicir que non vai ser unha cousa a longo prazo, polas medidas que está tomando o goberno e algúns Concellos, creo que vai ir a bastante velocidade a implantación de vehículos eléctricos”.
Álvaro Doural anunciou que “o día 16 tamén vai haber outro curso relacionado co tema dos combustibles, que é a pila de hidróxeno, outra alternativa ao vehículo eléctrico. Este curso vai ser impartido polo Centro Nacional de Hidróxeno do Estado, que ten a sede en Guadalajara. Son as dúas actividades que se van facer inmediatamente. Ao longo deste ano vanse ir realizando unha ou dúas actividades todos os meses, posiblemente ao mellor nalgún caso coincide algunha máis porque depende moito da axenda dos relatores. A nosa idea é seguir traballando nese aspecto”.
O presidente de Apaga declarou que “hai uns bos resultados do ano pasado e un gran nivel de satisfacción por parte dos participantes de todas as achegas que fan os relatores. Está claro que estamos a traballar nun plan de cambiar a filosofía da formación, no cal a xente que ven aos cursos ten que facer unha pequena contribución. Estamos a cambiar este proceso, creo que é importante ter xente nos cursos que verdadeiramente estea interesada no que se imparte e deixarse doutras historias que ao final desgraciadamente lle fixeron moito mal á formación profesional neste país”.