Skip to main content
ActualidadeFriol TERRACHÁXAGuitirizRiotorto

A Deputación inviste en estradas de Riotorto, Guitiriz e Friol

Por 27 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O Voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, informou que o Executivo da Deputación aprobou en Xunta de Goberno o inicio da contratación de obras por valor de 1 millón de euros para mellorar 15 quilómetros de 5 estradas en outros tantos municipios da provincia. Son actuacións nos Concellos de Baleira, Riotorto, Antas de Ulla, Guitiriz e Friol, e das que se beneficiarán milleiros de veciños pois son vías estratéxicas tanto a nivel municipal, como provincial. Cómpre subliñar que os traballos poderán arrancar, logo de seren adxudicados, cando a situación meteorolóxica o permita xa que, con choiva, non se poden iniciar.

Así, en Riotorto, acondicionaranse 2 quilómetros da LU-P-2801 que comunica Riotorto con Lourenzá por Augaxosa, con 140.000 euros. Trátase do derradeiro treito desta estrada, que vai do punto 8,2 e 10,2, que quedaba por mellorar desta vía. A través destas actuacións, mellorarase o día a día de máis de 3.500 veciños da Mariña, dos Concellos de Riotorto e de Lourenzá, xa que é unha das vías de acceso a estes dous núcleos mariñáns.

En Guitiriz rehabilitaranse 3,1 da LU-P-2301, entre os puntos 1,9 e 5,1, con 237.000 euros. É a vía que une o núcleo urbano de Guitiriz co Barrio do Merendero. Trátanse de obras que se engaden ás xa executadas entre os puntos 5 e 7,4 e que contaron cunha inversión da Deputación superior aos 165.000 euros. Son actuacións que se realizan nunha das estradas máis importante do municipio, que posúe moito transito pois une os núcleos dos Vilares, Buriz e Labrada, nos que hai unha grande actividade agrogandeira. Con estas actuacións, esta vía quedará totalmente renovada.

En Friol acondicionarase un treito de 2,2 quilómetros da LU-P-1611, entre os puntos 47,7 e 49,9, con 200.000 euros. Trátase do chamado cinturón comarcal, no que xa se executaron melloras no entre os puntos 46,8 e 47,7. É a vía que rodea á capital lucense, que vai dende o núcleo de Friol cara o polígono industrial de Begonte, á parroquia de Ousá. Complementa a estrada da Xunta que ven de Palas e que se emprega polos veciños de Palas e Friol cara a A-6.