Skip to main content
ActualidadeVilalba

Vilalba Aberta fará no Pleno unha serie de preguntas sobre o servizo de Madrugadores

Por 30 Xaneiro, 2019Sin comentarios

Vilalba Aberta trasladará ao Pleno deste xoves a problemática relativa aos anunciados cambios no Servizo de Madrugadores. Unha interpelación, que chega logo de reunirse o seu voceiro e candidato á Alcaldía, Modesto Renda, cunha representación das nais e pais afectados.

O servizo, xestionado polas ANPAs, estaba subvencionado – en parte – polo Concello, pois era este o que cubría os custes do autobús que transportaba os nenos/as das ludotecas aos centros educativos.

Neste senso, dende Vilalba Aberta preguntarán acerca do “porque e agora, cando son uns corenta nenos/as os que acoden a diario a estes centros, (e aos que hai que sumarlle os que usan o servizo de forma non continuada) o Concello lle comunica á ANPAs que, para o vindeiro curso, non poderá seguir facendo fronte ao complementario servizo de autobús, en base á nova lexislación de contratos.

Un comunicado que, para a formación, expón a unilateral decisión do Concello de se facer cargo do servizo directamente nos centros educativos, deixando claro que, en ningún caso, se tratará dunha remunicipalización, pois o sairá inmediatamente a concurso.

É por isto que, á sesión ordinaria deste xoves, Vilalba Aberta non levará unha iniciativa en forma de Moción, senón que o canalizará coma unha batería de preguntas, a fin de contar con toda a información, para, inmediatamente despois, e se procede, contrapoñer unha proposta alternativa.

A este respecto, esixirán do Goberno Municipal saber onde figura e que ten exactamente firmado o Concello de Vilalba, en relación ao servizo asistencial de autobús que cubre o traxecto ludotecas-centros. Neste sentido, e ademais do importe total a asumir polo Concello de non se facer efectiva a modificación, Vilalba Aberta interpelará tamén ao Alcalde acerca da razón última pola que este custe non se poida cubrir, a través dunha (anualmente revisada) partida específica nos Orzamentos.
Precisamente e mesma liña, demandarán que faga público se se ten dirixido o Concello de Vilalba a algunha empresa diferente ás actuais encargadas de levar a cabo o servizo, ao respecto do anunciado proceso de adxudicación.

Por último, dende Vilalba Aberta requirirá toda a información relativa aos detalles do sistema e aos pasos a seguir previstos polo Goberno, no que ten que ver co devandito proceso de adxudicación, así como a postura do Alcalde, ao respecto da preocupación das ANPAs por como se organizará, as características de instalacións dos centros ou a posibilidade de que o servizo “perda calidade”, entre outras.