Skip to main content
ActualidadeXermade

O PP de Xermade denuncia a “falta de seguridade” da estrada entre Miraz e Porto Souto e o alcalde négao

Por 9 Xaneiro, 2019Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Xermade, Antonio Riveira, denuncia a “falta de seguridade” na estrada provincial LU-P-2205 entre Miraz e Porto Souto onde “se acumula o xeo debido ás baixas temperaturas destes días”. Polo tanto, esíxelle ao Concello, a través dun rogo, que lle requira á Deputación Provincial –como titular da vía- a aplicación de salmoira nesta e noutras estradas do municipio para “evitar as placas de xeo e favorecer aos usuarios poder utilizalas cun mínimo de seguridade”.

O voceiro e candidato do PP á alcaldía de Xermade explica que “nace a auga no alto do Xaravigo onde comeza a baixada cara a Miraz, no lugar coñecido coma Fonte Furanenas. Dende alí discorre pola estrada e, nesta época do ano, debido ás baixas temperaturas conxélase formando unha placa de xeo que supón un importante perigo para a circulación, especialmente a partir do quilómetro 2”. Pero esta situación agrávase aínda máis nesta estrada porque “esa zona está orientada ao norte e, polo tanto, en zonas de sombra as xeadas acumúlanse durante días”.

Riveira sinala que se trata dunha estrada moi transitada; xa que “comunica Xermade, desde o polígono industrial, coas Pontes polo Candedo ata o polígono industrial dos Airíos”.

Así pois, o popular entende que “debe realizarse un mantemento e control da estrada aportándolle salmoira ou algún outro aditivo co obxectivo de evitar que esas capas de xeo se conserven ao longo do tempo”. E incide en que “ese control debe ir máis aló de poñer un sinal indicador de perigo porque isto non garante unha circulación en condicións de seguridade”.

ALCALDE

Pola contra, o alcalde de Xermade, Roberto García, desmentiu estas acusacións do voceiro do PP, Antonio Riveira, sobre a falta de seguridade na estrada LU-P-2205 de Miraz a Porto Souto. O rexedor socialista informou que o servizo de vías e obras da Deputación actuou ás 18:00 horas a pasada tarde e ás 7:00 horas esta mesma mañá, botando sal para eliminar as acumulacións de neve e xeo desta vía, na que non houbo ningún tipo de incidente, quedando apta para o tránsito de vehículos durante toda a xornada.

Roberto García avanzou que os operarios do organismo provincial acondicionaron entre outras, as estradas provinciais LU-2201 e LU-2202, que transcorren polo Concello xermadés, así como diferentes estradas e camiños municipais.

O socialista agradeceu a rapidez e eficacia dos traballadores da Deputación para que todas estas vías estivesen dispoñibles para os veciños, cumprindo con todas as medidas de seguridade para o seu tránsito. “Non entendo como o señor Riveira minte tan descaradamente aos cidadáns cando é consciente de que as estradas en Xermade están en perfectas condicións. É lamentable este tipo de actitudes que só responden ao xeito que ten o PP de facer política, intentando enganar aos veciños e creando un estado de alarma inexistente. Isto responde a incapacidade que ten o Partido Popular de ofrecer e desenvolver iniciativas que redunden na calidade de vida dos veciños, amparándose en falsidades e invencións”.

“Nós, dende o Goberno Socialista Municipal imos seguir traballando para que os xermadenses conten coas infraestruturas que merecen, atendendo as súas demandas, sobre todo nestas épocas do ano no que as estradas sofren moito ante as baixas temperaturas” engadiu o Alcalde.