Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

O Concello de Burela abrirá en abril o prazo de inscrición do Certame Internacional de Pintura Mural Amarte

Por 13 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Concellería de Cultura de Burela abrirá o prazo para inscribirse no III Certame Internacional de Pintura Mural Amarte 2019 o vindeiro mes de abril. Nesta convocatoria haberá varias novidades como o premio do público ou a posible iluminación nocturna do muro portuario. O concelleiro, José Díaz, anunciou que tamén se incrementan os premios. O primeiro estará dotado con 1.500 euros, o 2º con 750 e o terceiro con 350 euros. O mellor artista local levará 300 euros.
O edil burelés contou que “é o certame de pintura mural Amarte, que comezamos aquí en Burela paralelo á Feira do Bonito en 2017 e tivo a súa continuidade en 2018, e este ano repetimos. Imos a por esa terceira edición e gustaríame resaltar que imos adiantar o prazo para que os artistas poidan empezar a mandar as súas propostas. Sempre o facemos sobre maio, pero este ano imos intentar que xa en abril se abra o prazo para inscribirse no certamen. No seu momento diremos o correo electrónico ao que se poderán mandar as propostas para ser os dez seleccionados que pinten este ano na zona do muro portuario, durante a Feira do Bonito. Con esta terceira edición imos completar eses dez artistas que compiten máis un artista invitado, que estamos intentando conseguir. Cando conclúa esta edición haberá xa no muro 33 pinturas, eu creo que xa é un número considerable que vai configurando esa zona de Burela, nesa parede en branco, co que é como un museo ao aire libre, que é a idea que temos, que logo de tres ou catro edicións énchase de obras de arte”.
O responsable de Cultura en Burela subliñou que “este ano, como novidade respecto ao pasado, imos aumentar un pouco os premios. O primeiro premio estará dotado con 1.500 euros, 750 para o segundo e 350 euros para o terceiro. Manteremos o premio ao mellor artista local, igual que o ano pasado, serían 300 euros, e imos engadir este ano como novidade un premio do público. Sería para que toda a xente que vai ver pintar aos artistas poida votar e que haxa tamén ese premio que nos parece bonito para implicar ao público neste certamen. Interésanos moito que teña moita repercusión e que cada vez vaia a máis, que é o obxectivo”.
José Díaz engadiu que “confirmounos Acia Burela que vai haber colaboración, probablemente dea o terceiro premio. Buscaremos máis apoios de grandes empresas ou comercios e hosteleros de Burela que queiran ser partícipes, para estar implicados non só o Concello senón institucións e asociacións do pobo en algo que pensamos que é de todos e para todos, e que necesita por ese motivo toda colaboración posible”.
O concelleiro burelés adiantou que “próximamente imos poñer a iluminación nocturna nas pinturas, nas que xa hai e as que se pinten en agosto. Estamos estudando que tipo de luz, pero probablemente sexa unha luz branca, solar, que manteña iluminadas as pinturas durante a noite por unha cuestión de visibilidad e creo que vai quedar moi bonita esa zona iluminada. Queremos resaltar que empeza antes a promocionarse o certamen e que a xente poderá mandar as súas obras con máis tempo que o ano pasado”.