Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXARibadeo

Profesores de Automoción de Galicia organizan un curso en Ribadeo sobre a tecnoloxía do hidróxeno

Por 15 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA) organiza este sábado 16 de febreiro, un novo curso que se desenvolverá nas instalacións do hotel O Cabazo, en Ribadeo, sobre a tecnoloxía do hidróxeno aplicada ao vehículo. Terá unha duración de 8 horas e será impartido por persoal do Centro Nacional do Hidróxeno. O presidente de APAGA, Álvaro Doural, móstrase satisfeito coa acollida que están a ter as actividades formativas que se desenvolven nas fins de semana.
Doural explicou que “o curso desta fin de semana vai estar centrado en todo o tema da tecnoloxía do hidróxeno, en relación aos vehículos e as súas aplicacións. Neste momento é outra posibilidade máis, a parte das baterías de litio hai esta posibilidade que nalgúns países, como Alemania, están tendo moita forza e algunhas empresas están apostando por esta tecnoloxía. Imos ter un curso de oito horas que vai ser impartido polo Centro Nacional de Hidróxeno de España e, como sempre, está destinado para técnicos de empresa, profesores, alumnos de FP, estudantes universitarios e tamén para xente afeccionada ao tema do automóbil”.
O presidente de APAGA declarou que “estamos nunha liña, creo que importante de dar a coñecer toda a nova tecnoloxía que se está movendo arredor do automóbil neste momento. Creo que hai unha parte ao mellor descoñecida, estanse coñecendo máis as medidas por exemplo que está tomando o Concello de Madrid e algún máis en relación ao corte do paso de determinados vehículos, pero penso que o gran descoñecido segue sendo todas as posibilidades que actualmente hai no mundo da industria e o que os fabricantes están intentado poñer en marcha para mirar que o tema de sostenibilidade e medio ambiente teña a forza que todos queremos. Neste momento estase tirando cara a determinadas tecnoloxías que están funcionando, que están aí. Pensar que isto vai ser dentro de vinte ou trinta anos debemos esquecelo, realmente o vehículo eléctrico con pila de hidróxeno está aí e vai chegar ás nosas cidades, aos nosos talleres e aos nosos centros educativos”.
Álvaro Doural engadiu que “nesta nova fin de semana tecnolóxica mantemos o número de 15 prazas, penso que é un número axeitado para que a actividade non se desvirtúe e que todo o mundo poida participar. Neste momento está funcionando moi ben. Custou arrancar, pero neste momento a formación nas fins de semana está en marcha”.