Skip to main content
ActualidadeO Valadouro

Os populares agardan recuperar a alcaldía do Valadouro con José Manuel Lamela como candidato

Por 18 Febreiro, 2019Sin comentarios

José Manuel Lamela repetirá como candidato do PP á alcaldía do Valadouro onde foi rexedor entre o 2011 e o 2013 despois de formar parte do equipo de goberno durante 16 anos. O popular, que xa gañou as eleccións municipais no 2015 sen obter a maioría absoluta que lle permitise gobernar, cre que “o actual Goberno local mantén paralizados moitos proxectos interesantes para o municipio que deixaramos en marcha dende o Goberno do Partido Popular”.
O candidato trasladoulle á presidenta do PP de Lugo, Elena Candia,  que aposta “pola renovación da candidatura popular do municipio” na procura “dun cambio no Goberno local” para o que “traballaremos dende o Partido Popular co obxectivo de lograr o apoio dos veciños e veciñas e recuperar a alcaldía”.
Lamela avanza que “o novo proxecto do Partido Popular para encarar estas novas eleccións municipais contará con xente nova” tal e como o acordaron dende a agrupación local. Así, amósase convencido de que “formaremos un equipo comprometido co Valadouro e cos seus veciños e veciñas” que procure “dar resposta ás súas necesidades”.
O candidato do PP considera necesario “conservar e manter os distintos servizos do municipio como son as estradas, o saneamento, o alumeado público e todo aquilo que precisen os nosos veciños e veciñas”. Pero tamén cre que “se deben poñer en marcha algúns proxectos iniciados na época do Goberno popular cando impulsamos o cemiterio municipal que aínda segue sen rematar igual que o local social nos baixos das vivendas de protección oficial ou a pista da andadura para cabalos que agora usan dende o Goberno local para botar escombro”.
Lamela manifesta que “todo está peor que fai seis anos”. De feito, “o Goberno local non avanzou nada na implantación do polígono industrial do Valadouro, a pesar de que o Goberno popular deixara iniciados xa os primeiros trámites coa modificación puntual das normas subsidiarias para a súa construción”.
Os  populares do Valadouro cren que o impulso de novas vivendas no municipio é positivo; pero aseguran que “a creación dunha cooperativa non é a forma máis axeitada” porque “os interesados e interesadas terían que facer fronte a unha hipoteca á que moitos mozos e mozas non poderían”. A idea do PP local é que desde o Concello se negocie co Instituto Galego de Vivenda e Solo para a construción de vivendas de protección oficial ás cales poderían acceder os veciños e veciñas interesados e interesadas ben a través da compra ou ben a través dun arrendamento.