Skip to main content
Actualidade

A subdelegada do Goberno pide aos condutores respecto aos novos límites de velocidade

Por 2 Febreiro, 2019Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, pediu aos condutores que circulan polas estradas da nosa provincia que “extremen a prudencia e sexan sempre respectuosos cos límites de velocidade, pois o exceso de velocidade é unha das principais causas dos accidentes de tráfico”. Isabel Rodríguez fixo este chamamento logo de presidir o acto simbólico de cambio do último sinal que limita a 90 km/h a velocidade máxima á que se poderá circular nas estradas convencionais da provincia. No acto estivo acompañada polo xefe provincial de Tráfico, Ángel Álvarez, así como polo xefe da Unidade de Estradas do Estado na provincia, Eduardo Toba, e o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil, capitán José Miguel Martínez

Isabel Rodríguez salientou que “con este acto, queremos lembrarlle a todos os condutores a entrada en vigor dos novos límites de velocidade aos que se poderá circular desde hoxe polas estradas convencionais en España”. Destacou ademais que “esta é unha medida que ten a finalidade de diminuir a siniestralidade vial, obxectivo para o que actuamos tamén noutras frontes como a mellora do estado de conservación das estradas que son titularidade do Estado, nas que estamos a facer un importante esforzo económico cun investimento nestas datas de 2,22 millóns de euros na mellora de firmes de e a inclusión dunha partida de 43,5 millóns para as estradas do Estado nos Presupostos para este ano”.

A subdelegada do Goberno explicou que unha das medidas máis novidosas da estratexia posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico para reducir as vítimas de accidentes de tráfico é a limitación a 90 km/h da velocidade máxima autorizada nas estradas convencionais que non teñen barreiras de separación entre os distintos sentidos de circulación.

Pola súa parte, o xefe provincial de Tráfico destacou que “en moitos accidentes, a liña entre a vida é moi delgada e depende de varios factores, a velocidade é o máis importante”. Ángel Álvarez explicou que “circulando a 100 km/ e en boas condicións, un vehículo necesita 14 metros máis para deterse que se circula a 90 km/h e esa distancia medra considerablemente cando o chan está húmido ou se o vehículo está mal mantido”. Por este motivo, o xefe de Tráfico insistiu “na importancia dun correcto mantemento do vehículo e, neste caso, na necesidade de revisar tanto o estado dos pneumáticos como dos freos”.

Álvarez lembrou tamén que “é fundamental manter en todo momento a máxima atención cando se conduce: as distraccións interveñen en máis da terceira parte dos accidentes mortais e a velocidade excesiva ou inadecuada agrava moi seriamente as consecuencias”.

Seguridade vial

A redución a 90 km/h da velocidade máxima á que se pode circular en estradas convencionais entra en vigor trala modificación do Regulamento Xeral de Circulación forma parte do plan deseñado pola Dirección Xeral de Tráfico para reducir a siniestralidade vial dentro da estratexia Seguridade Vial 2011-2020, que ten por obxecto baixar de 37 a taxa de falecidos en accidente de tráfico por millón de habitantes.

Con esta finalidade, decidiuse reducir a velocidade nas estradas convencionais,ao igual que fixeron a maioría dos Estados da Unión Europea, que adoptaron medidas de diminución dos límites de velocidade naquelas vías nas que non existe separación física de sentidos. A tendencia maioritaria é fixar o límite en 90 km/h, aínda que algúns países optaron por establecer a limitación en 80 km/h.

Este tipo de vías teñen unha elevada taxa de siniestralidade, xa que nelas rexístranse 7 de cada 10 accidentes con vítimas e neses accidentes perden a vida cada ano un milleiro de persoas. Ademais, a velocidade inadecuada é a causa do 20% dos accidentes graves de tráfico.

350 sinais na provincia

Para facer efectiva a entrada en vigor do límite de velocidade a 90 foi necesario cambiar un total de 350 sinais de tráfico na provincia, 188 en vías pertencentes á Demarcación de Estradas do Estado e 132 na rede da que é titular a Xunta de Galicia.

Na rede estatal instaláronse os sinais coa nova limitación de velocidade en distintos puntos das estradas N-642, N-640, N-634, N-VI, N-547, N-540 e da N-120. Concretamente, cambiáronse 43 sinais na N-642, outras 31 na N-634, 21 na N-VI, 8 na N-547, 46 na N-540 e 39 na N-120.

Unión Europea.

A modificación do artigo 48 do Regulamento Xeral de Circulación referido aos límites de velocidade nas estradas convencionais introduce tamén outras novidades, pois supón reducir a diferenza da velocidade á que poden circular os vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías respecto dos turismos. Nos países da Unión Europea con menores taxas de falecidos por millón de habitantes en accidente de tráfico o diferencial no límite de velocidade entre vehículos lixeiros e pesados oscila entre 0 e 10 km/h nas estradas convencionais.

Segundo diferentes estudos, os vehículos que circulan a velocidades dispares da media son máis susceptibles de provocar un accidente, cunha probabilidade que é 6 veces maior ca se estes vehículos á mesma media que o resto. Ademais, o establecemento de velocidades de circulación máis homoxéneas favorecerá a fluidez do tráfico.

Con este cambio normativo, uniformízase a velocidade dos camións en estradas a 80 km/h, límite que é o común na maioría dos países da Unión Europea.

No caso dos autobuses, a limitación xenérica de velocidade é de 90 km/h dada a baixa siniestralidade continuada deste tipo de vehículos, que no caso de España ten un ratio de falecidos/tipo de vehículo (autobús) un 40% inferior respecto do ratio total da UE. O artigo 48 do Regulamento Xeral de Circulación establece unha excepción no caso dos autobuses que non dispoñen de cinto de seguridade, que non poderán viaxar a máis de 80 km/h.