Skip to main content
ActualidadeBurela

O PP de Burela lamenta a municipalización do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria

Por 25 Febreiro, 2019Sin comentarios

O candidato popular á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, critica que o rexedor se “dedicase a vender fume coa municipalización do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria e agora programe un incremento do prezo na nova adxudicación”.
En concreto, Rouco pídelle ao alcalde que “xa que hai que volver a levar a Pleno os pregos para a nova adxudicación dos servizos de recollida de lixo e limpeza viaria para adaptalos á resolución do Tribunal Administrativo de Contratación de Galicia, aproveite para non incrementar o prezo, para garantir os postos de traballo e para mellorar o servizo, que agora mesmo presenta serias deficiencias”.
Dun xeito máis preciso, o candidato popular lembra que “no Pleno do pasado 21 de decembro xa advertíamos de que os pregos presentaban algunha esixencia que podía ser recurrible, e así foi. Por iso hai que volver a levalos a Pleno”. Segundo precisa Rouco,  “o que non cambia nos novos pregos é o incremento que de entrada, tal e como consta nos pregos e á falta de posibles baixas que poden non producirse, vai ter o servizo para os cidadáns de Burela”. En concreto, “falamos de que se incrementa nuns 109.000 euros ao ano; e se a iso lle sumamos a contía máxima pola recollida e tratamento de biorresiduos, 75.000 euros anuais, podemos falar dun incremento total de 184.000 euros ao ano”, indica o popular, quen precisa que “estes son os datos a falta de coñecer se hai baixas na adxudicación, cousa que saberemos no seu momento”.
O candidato popular tamén informa da diminución nos postos de traballo que contemplan os novos pregos con respecto á situación actual. “Se agora hai 28 postos de traballo, agás nos meses de verán, que se cubren con 16 traballadores, nos novos pregos hai 22 postos de traballo, co que diminuirá o número de persoal contratado, atendendo ás equivalencias posto de traballo/persoas contratadas que figura nos propios pregos”.
Manuel Rouco considera que “non é compatible un incremento de prezo cunha  diminución de postos de traballo e cunha mellora na calidade do servizo, que é o que nos quere vender o alcalde”.
Neste senso, o popular denuncia que estes días “puidemos ver como se amontoaban bolsas de lixo na zona do Hospital habilitada a tal efecto, as que levaban días sen recoller; tamén se amontoaban utensilios sen ningún xeito no punto limpo, e onte mesmo podíanse ver dous contedores de vidro sen baleirar, con bolsas de vidro polo chan, tamén no recinto do Hospital. Isto dá non só sensación de desorde e falta de limpeza, senón tamén de ausencia de compromiso de Llano para mirar pola calidade do servizo”.