Skip to main content
ActualidadeRibadeo

O Entroido de Ribadeo continuará ata o día 5

Por 28 Febreiro, 2019Sin comentarios


A Comisión de Entroido de Ribadeo abriu xa a inscrición para participar no desfile que terá lugar o 5 de marzo, Martes de Entroido. O prazo remata o luns ás doce da noite.
As bases e as fichas de inscrición poden atoparse no facebook EntroidoRibadeo. Desde a organización subliñan que “no que respecta á categoría charanga/comparsa as 10 primeiras en inscribirse recibirán unha achega económica especial de 100 euros cada unha, que se lles entregará en efectivo o mesmo día do desfile, e a maiores contan coa posibilidade de optar a premio”.
Os dorsais serán entregados entre as 15:30 e as 16:30 horas á entrada do Cine Teatro. Todos os participantes deberán estar na avenida Rosalía de Castro cun mínimo de 15 minutos de antelación ao inicio do desfile, previsto para as 17:00 horas.
En total vanse repartir preto de 4.500 euros en premios. Haberá para comparsas/charangas, carrozas, grupos, parellas adultos e individuais adultos; e para as categorías infantís en grupos, parellas e individuais. Tamén haberá dous premios especiais (de carácter honorífico) á mellor mascarita. No acto de entrega dos premios coñecerase o nome dos establecementos doadores dos mesmos.
Desde a Comisión de Entroido subliñan que “a contía dos premios é similar á das pasadas edicións, aínda que os redistribuímos para fomentar a participación creando premios máis grandes en categorías como parellas, grupos e individuais. E no caso das comparsas/charangas haberá 5 premios, en lugar dos 3 que viñamos dando anos atrás. Queremos facer en Ribadeo un grande desfile, bonito, elegante e masivo. E agardamos que sexa do agrado tanto dos participantes como do público que encherá as rúas de Ribadeo, xa que este Martes de Entroido, é festivo na nosa vila”.
No Desfile participará a Escola Municipal de Música de Ribadeo, pero non optará a premio “colaborando así un ano máis co Entroido ribadense”.
A Comisión de Entroido anima á veciñanza “a disfrutar do Entroido e a saír esta fin de semana despois da Gala, así como a luns aproveitando que ao día seguinte é festivo. Haberá actividade na rúa e tamén na hostalería ribadense, onde se ofrecerán pratos típicos destas datas coma o cocido ou doces coma orellas, rosquiñas ou filloas”.
O programa de actividades xa deu comezo a pasada fin de semana coa Festa dos Freixós no Teatro.
Este vindeiro sábado, 2 de marzo, ás 21.00 horas no Teatro continuará a programación coa celebración da Gala do Entroido, que xirará entorno a unha temática concreta: a música. Unha hora antes os membros da Carroza do Entroido sairán do parque de San Francisco caracterizados para a ocasión. Desde a comisión organizadora animan “a toda a veciñanza a que se inspire na temática musical para as súas caracterizacións e nos acompañe, ao igual que o farán outros grupos carnavaleiros da vila. A Gala do Entroido será guiada pola ribadende Susana Álvarez e durante a mesma haberá moitas sorpresas, con artistas de renome nacional e internacional”.
No programa de actividades do Entroido 2019 non faltará a comparsa do cocho, que o 3 de marzo (domingo), a partir das 12:00 horas percorrerá as rúas de Ribadeo acompañada polo cuarteto tradicional Illa Pancha. Xa pola tarde a partir das 17:00 horas, tócalles aos máis pequenos, que poderán desfrutar do tradicional baile infantil de disfraces na discoteca Rosa Lar.
O luns, 4 de marzo, haberá pasarrúas a cargo da charanga Aturuxo e ás 22:30 horas será a cea do Entroido no restaurante Marinero, no porto deportivo de Ribadeo.
Xa o martes, 5 de marzo, será o día do gran desfile, que sairá ás 17:00 horas da Avenida Rosalía de Castro para percorrer as principais rúas de Ribadeo e rematar diante do Concello, onde será a entrega de premios.
E xa o sábado, 9 de marzo, terá lugar a queima do Entroido. Trátase dun dos actos máis destacados do Entroido de Ribadeo. Ás 21:00 horas sairá a comitiva fúnebre, acompañada de viúvas e viúvos e das charangas Aturuxo, Os Macanudos e Habelas Hainas, das inmediacións do Concello e trasladarase ata a Avenida Rosalía de Castro onde terá lugar a queima do Entroido, seguida dunha sesión de fogos artificiais e da monumental traca.