Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Convocadas as axudas para a instalación de enerxías renovables no sector agrogandeiro

Por 19 Febreiro, 2019Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) pola que convoca as subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria e que contan cun orzamento de 1.720.000 €.

Poderán ser beneficiarios das subvencións:

a) As empresas legalmente constituídas e os/as empresarios/as autónomos/as que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídos no sector de produción agrícola primaria.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no punto anterior.

A contía da axuda será do 35 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

O prazo de presentación de solicitudes comezará 10 días naturais despois daquel en que se publiquen as presentes bases no DOG, ás 9.00 horas, salvo que coincida en día inhábil, que se entenderá prorrogado ao primeiro días hábil seguinte, e concluirá o 31 de maio de 2019.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na páxina web do Inega, www.inega.gal