Skip to main content
ActualidadeViveiro

Miriam Bermúdez encabezará a candidatura do BNG ás municipais de maio en Viveiro

Por 19 Febreiro, 2019Sin comentarios

O BNG de Viveiro ven de trasladarlle aos seus órganos da dirección comarcal e nacional o nome da súa candidata á alcaldía de Viveiro.
Miriam Bermúdez García, actual vicerresponsable do BNG en Viveiro, foi elexida pola asemblea local da organización frontista para encabezar a candidatura do BNG ás municipais de maio en Viveiro. Os membros asistentes a esta asemblea, que adoptaron este acordo por unanimidade, destacaron de Bermúdez a  súa vitalidade, entusiasmo, capacidade de traballo e compromiso con Viveiro.
O BNG de Viveiro continuará a traballar durante as vindeiras semanas na conformación da súa candidatura que, xunto con Miriam, concurrirá á eleccións de maio co obxecto de revalidar o apoio da veciñanza nas anteriores eleccións para regresar á corporación municipal de Viveiro, onde esta organización política estivo sempre representada desde as primeiras eleccións municipais (despois da ditadura franquista) do ano 79.
Por outra banda, e ao mesmo tempo, a formación nacionalista vai organizar  unha serie de encontros sectorais abertos a toda a veciñanza e colectivos viveirenses que desexen participar nos mesmos para aportar propostas e ideas para, entre todas e todos,  elaborar un proxecto de goberno que serva para mellorar a vida das persoas e transformar Viveiro no concello referente da Mariña.