Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

O BNG propón que o galego sexa a lingua no ensino para frear a perda de falantes

Por 26 Febreiro, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

O BNG levou ao Parlamento unha proposición de lei para modificar a actual normativa lingüística e establecer o galego como lingua vehicular no ensino cun obxectivo primordial: frear a perda de galegofalantes entre as xeracións máis novas especialmente acusada no ámbito urbano no que se está derivando a un monolingüísmo en castelán.
Frear a caída do galego entre a xente moza non é o único que leva ao Bloque a presentar esta iniciativa lexislativa, tamén persegue blindar o idioma propio “dos ataques e de novos retrocesos que chegan da man da tridereita españolista”, indicou a portavoz nacional, Ana Pontón. De feito, alerta contra as propostas “que atacan competencias galegas en materia de normalización lingüística que queren manter o galego como lingua de segunda”.
Ante esa posición extrema do españolismo, o Bloque aposta por mudar a lexislación actual, “para blindar as competencias que temos en Galiciaa e para favorecer que se recuperen acordos e consensos a prol da lingua, evitando que as forzas da involución democrática xoguen co futuro do galego como mercadoría electoral”, argumentou a líder nacionalista.
Neste contexto, o BNG propón que o galego sexa por lei a lingua vehicular no ensino ademais de desenvolver medidas que estaban contidas no Plan xeral de normalización lingüística “que hai máis dunha década que acordamos e sigue a ser un punto de encontro”, resumiu Pontón. E atribuíu á política lingüística de Feixóo dos últimos anos, en particular no ensino co malchamado decreto do plurilingüismo, -“o decreto da vergoña”-, a responsabilidade da perda de falantes entre a mocidade.
“Non se pode lexislar a lingua galega desde Madrid”, subliñou unha Ana Pontón que instou a Feixóo “a abandonar o seguidismo de Casado” e pechar as portas a calquera proposta de recentralización. Garantir a plena competencia do profesorado para desenvolver o seu labor docente en galego, fomentar o uso progresivo do idioma propio na etapa preescolar e lograr que o ensino obrigatorio garanta unha competencia pleno no idioma galego entres as propostas nacionalistas para darlle futuro a unha lingua “milenaria” que nos conecta con 200 millóns de falantes no mundo.
Pontón aproveitou a comparecencia ante os medios para denunciar a falta de implicación das forzas políticas estatais na tramitación por urxencia da lei de transferencia da AP9.  Tras anos de veto do PP, volve quedar en papel mollado posto que se debaterá no último pleno antes da disolución do Congreso polo adianto electoral do 28 de abril, pois pese a “urxencia” declarada tras a toma en consideración da lei, tardou máis de dous meses en ser debatida na Cámara baixa.
Transferencia da AP9, unha burla
“É unha burla”, sentenciou a líder do Bloque, quen insta a Feixóo a solicitar a reunión da Comisión mixta de transferencias para conseguir desde aí a xestión desta infraestrutura, como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes. “Que demostre que quere a transferencia e que se deixe de cortinas de fume”, recalcou en relación á posición do presidente da Xunta.
De novo, a portavoz nacional denunciou a falta de compromiso con Galicia das forzas políticas estatais, pois ningunha tivo a preocupación para axilizar a tramitación da lei aprobada polo Parlamento galego, “unha nova mostra de discriminación das forzas estatais, o último punto decepcionante desta lexislatura despois do fiasco dos orzamentos do Estado”, concluíu.