Skip to main content
ActualidadeCospeito

O PSOE denuncia o estado de abandono no que se atopa o punto limpo de Cospeito

Por 25 Febreiro, 2019Sin comentarios

O PSOE de Cospeito denuncia que o actual estado no que se atopa o Punto limpo municipal, totalmente abandonado, responde a desidia do alcalde do PP e do seu equipo de goberno. A voceira socialista, Rosa Morán, explicou que na actualidade os residuos depositados na instalación municipal sobresaen, superando o peche do perímetro, acumulándose na vía e bloqueando unha das saídas, ademais de incumprir as mínimas normas de salubridade. O PSOE critica que non se están a cumprir as normas do punto limpo pois hai residuos como neumáticos, neveiras, televisores, entre outros, que non se poden depositar.

Os socialistas presentaron en outubro de 2018 unha proposta no Pleno que foi aprobada por unanimidade por todos os grupos políticos na que se instaba ao goberno municipal do PP a sinalizar cun cartel o punto limpo, indicar o horario de apertura, as condicións e obrigas para a recollida e informar aos veciños de Cospeito para dar a coñecer este servizo.

Rosa Morán subliñou que “durante estes 4 meses o Alcalde non fixo absolutamente nada, nin puxo un cartel. Hai denuncias de roubos de materiais, non hai seguridade porque o peche é moi baixo, as pistas que rodean o recinto están cheas de lixo, deixando unha imaxe lamentable do noso Concello. O punto limpo é un auténtico vertedoiro descontrolado”.

“Este problema é un exemplo máis do desgoberno e a inacción do PP no municipio. Esiximos xa ao rexedor popular que solucione esta situación, atenda, por unha vez, as demandas dos veciños e cumpra os acordos plenarios” apuntou a socialista.