Skip to main content
ActualidadeXermade

Incrementado en 1,1 millón de euros o investimento na estrada de Momán ás Pontes

Por 19 Febreiro, 2019Sin comentarios

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, mantivo este luns un encontro con veciños de Momán para darlles conta polo miúdo sobre as actuacións que se están a levar a cabo na LU-P-2204. É a estrada provincial que une esta zona da Terra Chá co dito munipio coruñés, así como a vía de comunicación máis empregada polos veciños da Comarca chairega para ir a Santiago de Compostela e aos aeroportos. O seu arranxo era unha demanda veciñal que Campos sempre compartiu, comprometéndose, polo tanto, a darlle resposta progresivamente en base ás dispoñibilidades orzamentarias. O Goberno da Deputación vén de acadar un investimento de 1,1 millóns de euros na súa mellora.

Campos explicou que “vimos de contratar o proxecto e as obras do treito entre os puntos quilométricos 4 e 7, facendo un novo esforzo inversor de 452.000 euros. Estas son as melloras que poremos en marcha nas vindeiras semanas, pois temos listas as do treito entre os puntos quilométricos 0 ao 2, ás que achegamos 240.000 euros; e tamén as do treito entre os quilómetros 2 e 4, que contaron con outros 414.000 euros. Sumamos polo tanto un investimento de 1,1 millóns e o arranxo de 7 quilómetros. Quédanos pendente tan só 2,8 quilómetros para rematar coa mellora integral da vía”.

As obras implican a mellora do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas e incremento da seguridade con e nova sinalización horizontal e vertical.

O alcalde puxo en valor “o compromiso dos meus compañeiros no Goberno Provincial cos veciños da Terra Chá e, especialmente, cos de Xermade, que demostran con feitos”. O Rexedor contrapuxo isto “co abandono e discriminación do Partido Popular na Xunta de Galicia cos meus veciños, pois levamos anos reclamándolle a mellora da LU-170 e nada se fixo aínda todas as reclamacións, manifestacións e iniciativas que presentamos nas institucións pola súa necesidade. Esta estrada autonómica é fundamental porque dá acceso ao polígono industrial e comunica esta zona da Terra Chá coa Mariña. Conflúe en Momán coa LU-P-2204. Polo tanto, se o Goberno galego atendese dunha vez por todas as peticións veciñais, a nosa Comarca tería unhas boas comunicación ata a Mariña e ata Santiago de Compostela. Os non feitos polo Goberno galego e o PP teñen demostrado que os chairegos non contamos para eles”.