Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Conversas con Xosé María Díaz Castro

Por 11 Marzo, 2019Sin comentarios

Por Raúl Río

Pasaron moitas cousas desde que nos deixaches sen a túa compaña. Menos mal que nos quedou o resplandor dos teus Nimbos, eses poemas ou cimentos de poemas que teño na memoria e recito mentalmente a diario porque a beleza da túa poesía feriume para sempre. Aquí estamos, meu amigo, na patria da túa dona, lonxe desa terra verde e mar de orballo a cuxas portas se perde todo cheiro alleo de terra ou mar, tal coma os romanos no rio Limia, o noso río do esquecemento; neste pais que como moi ben dicías ti dá un paso adiante e outro atrás.
O ano pasado polo verán aproveitei para visitar outra vez os castros do Forno e da Abeleira e os túmulos escavados por Bouza Brei no Pilreu, por detrás do Vilariño, onde ti naciches, nos que hoxe medran os toxos e as silvas; incluso algún inconsciente plantou eucaliptos amosando pouco amor pola nosa historia e un profundo desprezo polo patrimonio que nos legaron os devanceiros. O que me parece raro é que ti non viras a medorra das Carriceiras que atopou agora Luís de Fabete, coas veces que tes andado por alí coas vacas e co que che gusta a ti a historia e a arqueoloxía.
Penso que a ti tamén che gustaría saber que ultimamente ao noso Alfonso de Xermolos estanlle a facer moitos e merecidos homenaxes. Primeiro foi en Láncara, onde lle deron o premio Ramón Piñeiro por “Facer País”; en xullo do ano pasado tamén o homenaxeamos na Santa Mariña dedicándolles a el e aos Irmáns da Lexía un monumento que se pode ollar desde a autovía; na Eira da Xoana colocaron a súa figura entre as persoas crentes xa homenaxeadas anteriormente; despois, o día 24 de novembro, o Concello nomeouno Fillo Adoptivo de Guitiriz e este ano escollérono tamén para dar continuidade a Xabier Docampo, Manuel María e outros escritores no hectómetro literario, chantando no seu honor un monólito no Paseo dos Soños de Vilalba, cerca do muiño do Rañego. Non sei si coñeciches ese muíño, pero é un lugar encantado como moitos outros que hai pola nosa chaira adiante. Dende alí a Vilalba din que hai cinco quilómetros de soños que corren ao longo do manso rio Magdalena e que, presumo eu, foi o crego Alfonso quen bautizou o paseo con ese fermoso nome. Nunca un nome puido ser mais apropiado para un lugar, nin o lugar tan adecuado para renderlle homenaxe a ese home que traballa tanto polo noso idioma e alimenta o espírito cultural da nosa nación. Eu sempre dixen que aos poetas e escritores debemos honrarvos en vida, lembrarvos sempre e difundir a vosa obra esteades ou non entre nós.
Ademais de todos estes recoñecementos, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co 105 aniversario do teu nacemento, inauguraron na súa honra un monumento de granito, obra de do gran canteiro Xabier Quijada, fronte á Escola Habaneira de Guitiriz, e cando estou escribindo esta conversa, nun acto organizado pola Asociación Lareira de Soños, estano agasallando con poesías na Escola Habanera de Guitiriz os membros da Nova Poesía Guitirica.
Xa saberás que os amigos Mini e Mero musicaron catorce poemas teus para A Quenlla. Houbérache gustado escoitar eses preciosos poemas cantados por eses dous personaxes entrañables que o dan todo a cambio de nada recorrendo a xeografía galega sempre que haxa un evento que dignifique a nosa cultura, que reivindique esta matria que están a esnaquizar os que nos desgobernan e que, nestes actos, despois de comer en irmandade, sempre tiveron a xentileza de deleitarnos coa súa música.
O outro día estivemos no Vilariño co Presidente da Deputación e a alcaldesa de Guitiriz, que, por fin, seica van dar algúns cartos para amañar a túa casa e convertela na Casa da Xente como a ti che houbera gustado que fose.
Aínda teño moitas mais cousas que contarche, pero xa sabes ti dos problemas de espazo nos periódicos, así que deixarémolo para outra vez.
Unha forte aperta deste teu amigo que non te esquece.