Skip to main content
ActualidadeFoz

Celebran un Video-Forum no IES de Foz con motivo do 8 de marzo

Por 7 Marzo, 2019Sin comentarios

O Observatorio da Mariña pola Igualdade continúa a programación de 2019 con actividades ligadas ás mobilizacións feministas do 8 de marzo, día internacional das mulleres. A directiva e moitas socias están participando activamente na construción dun #8m2019feminista comarcal, difundindo e promovendo a participación nos distintos encontros locais e comarcais das mulleres que queren ser parte activa neste proceso de construción arredor de Galegas 8M, así como na organización das actividades que terán lugar durante a xornada de folga nas distintas localidades mariñás.
Dentro da programación propia, o Observatorio da Mariña pola Igualdade promove, en Burela, a exposición Mulleres en Marcha, da Marcha Mundial das Mulleres Galiza co obxectivo de visibilizar e achegar a todos os públicos a loita deste movemento e organización feminista. A mostra inaugurouse o 1 de marzo e estará aberta ao público desde ese mesmo día ata o 29 marzo, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Burela.
Ademáis, tendo como base que para entender a importancia do feminismo hai que coñecelo, o Observatorio organiza, en colaboración coa UNED e RadioFoz, un videofórum que leva por título Loita de Mulleres, Loita Feminista. Este proxecto ten por obxectivo achegar, mediante o cinema, a cidadanía mariñá ao movemento feminista e ao seus esforzos para lograr que as mulleres sexamos cidadás de pleno dereito.
O video-fórum Loita de Mulleres, Loita Feminista, que xa será a novena edición,
celebrarase durante catro xoves do mes de marzo, comezando as sesións o día 7 e
rematando o día 28. Os pases terán lugar no salón de actos do IES de Foz, en horario de 19 horas a 21horas.
Como en anteriores ocasións, poderán solicitarse créditos de libre confguración para
o que será imprescindible inscribirse na actividade, totalmente gratuita, poñéndose
en contacto coa UNED de Foz, ben escribindo un correo electrónico a foz@lugo.uned.es, chamando por teléfono ao 982 13 36 99 ou acudindo presencialmente ás aulas da universidade en Foz (sitas na rúa Castelao, s/n).
As sesións estarán guiadas por socias do Observatorio da Mariña pola Igualdade. A
metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización
do flme para, deseguido, realizar o visionado da película que corresponda a cada día. Posteriormente terá lugar un debate e refexión sobre diferentes aspectos abordados nas longametraxes, seguindo unha metodoloxía participativa e aberta.