Skip to main content
ActualidadeViveiro

Os vivairenses concéntranse solicitando unha unha pista multideporte para o parque Pernas Peón

Por 19 Marzo, 2019Sin comentarios

O parque Pernas Peón foi durante décadas un espazo de descanso e ocio para varias xeracións de Viveiro, pero que deixou de ser hai anos un espazo verde e humanizado por mor da inexistencia dunha política municipal medioambiental. Logo de máis dun ano de actuacións ailladas sen ningún tipo de estudo nin planificación, atopámonos que o goberno municipal segue sen dar a coñecer a nosa veciñanza o que pretende facer neste espazo público, a pesares de que fai máis dun mes a nosa organización lle solicitara á sra. alcaldesa que informara á veciñanza do plan de traballo programado a desenvolver polo goberno municipal.
Polo que convocamos esta para demandarlle ao concello unha vez máis, que faga partícipe á veciñanza do proxecto de recuperación deste parque, patrimonio de todxs nós e porque xs veciñxs de Viveiro teñen dereito a ter voz neste proxecto. Porque teñen dereito a coñecer as plantas, a tipoloxía de árbores e os elementos vexetais que se van a plantar no mesmo, así como cal vai ser o deseño e a ordenación deste espazo, con que equipamentos e servizos vai contar e cal vai ser o plan de conservación e mantemento do mesmo.
Á espera de que a sra. alcaldesa se decida a trasladarnos xs veciñxs de Viveiro os plans para este parque emblemático, aproveitamos para demandar a creación dun circuito multideporte ao redor da zona perimetral do mesmo, unha proposta feita ao concello hai tempo por algúns dos colectivos deportivos viveirenses e que dende o BNG apoiamos e demandamos que se inclúa no “futuro proxecto de recuperación do Parque Pernas Peón”.
O CONCELLO INDICA QUE CHEGOU O MOMENTO DA REFORESTACIÓN

Segundo indican dende o equipo de goberno, a situación na que se atopaba as árbores do Parque Pernas Peón era coñecida por todos e todas. “Cando dende o Concello de Viveiro adoptamos a decisión de talar unha parte importante dos eucaliptos e piñeiros deste parque fixémolo conscientes de que era unha medida necesaria por cuestións de seguridade; a nosa postura é a máis difícil, pero o tempo deunos a razón e confirmouse que as árbores estaban en moi mal estado e que existía un risco grave e real de que puideran caer”.

Afirma María Loureiro que dende que se realizou a tala, o parque nunca estivo parado nin desatendido.Ao longo destes meses viñemos realizando as labores necesarias para a súa recuperación e para garantir, en todo momento, a seguridade dos usuarios. Neste tempo levamos a cabo unha serie tarefas necesarias e programadas, en ningún caso improvisadas e previas ás labores que a partir de agora se poidan executar de cara ao seu uso futuro”, aclara.

Trala tala houbo que realizar o empacado dos restos de cortezas e ramaxe e, máis tarde, foi preciso rastrillar e eliminar os restos que quedaron despois de empacar. Posteriormente, vendo que os eucaliptos que quedaban presentaban pólas en mal estado, realizouse unha poda en altura. A seguinte labor consistiu na retirada dos tocóns dos eucaliptos e dos piñeiros; primeiro retiráronse os eucaliptos -hai uns cinco meses-, e máis tarde -hai uns dous meses- sacáronse os tocóns da zona do piñeiral, na parte máis próxima ao instituto, que non puideran ser retirados nun primeiro momento por precisar dunha maquinaria distinta. Unha vez eliminados todos estes elementos, executáronse as labores de xardinería consistentes na limpeza da zona dos tocóns, no fresado da terra e na plantación da herba. A pasada semana trouxéronse doce camións de terra vexetal para alisar a parte na que estaban os eucaliptos coa intención de aboar e plantar herba; debido ás chuvias dos días pasados, esta labor houbo que pospoñela.

“A día de hoxe o parque está en perfectas condicións para realizar a súa repoboación e, sobre todo, para ser usado sen ningún tipo de perigo para os seus usuarios. Consideramos que agora que estas labores están rematadas é o momento de dar explicacións e o momento de dar conta das diferentes tarefas levadas a cabo no parque, non antes. Con todo, cómpre aclarar que todo o traballo levado nos últimos meses foi público, nunca se ocultou nada e calquera veciño que se achegase ao parque puido ver como, pouco a pouco, foi retomando forma ata chegar ao estado actual. Foron unhas labores evidentes que o concello nunca escondeu, pero que tampouco necesita vender nin anunciar cada un dos pasos, sobre todo atendendo á época na que estamos, nós continuamos traballando día a día, respondendo ás preguntas formuladas ao respecto polos medios de comunicación sobre o estado do parque ou, incluso, explicando no pleno municipal, onde poden ir todos os veciños e veciñas. Agora que está acabada esta primeira fase de preparación, é o momento de deseñar a reforestación”, recalca.

“Dende o Concello de Viveiro respectamos, como non podía ser doutra maneira, as opinións que sobre o futuro uso do parque poidan ter calquera veciño ou colectivo, pero entendemos que debe manter a súa esencia e uso tradicional, un espazo natural dentro do núcleo urbano destinado o uso e disfrute de distintas xeracións, nenos, maiores…,  un lugar para disfrutar en familia, un punto de encontro e de xogos, un lugar onde comer, etc”, din.

O equipo de goberno reuniuse con algúns colectivos, como é o caso dalgunha agrupación deportiva, para coñecer as súas ideas e barallan algunhas propostas que fixeron chegar algúns veciños e colectivos culturais; “por suposto, seguiremos escoitando a todos aqueles que queiran achegar as súas ideas en beneficio de Viveiro e do Parque Pernas Peón”, engade.