Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXABurela

Unha paciente do Hospital da Mariña denuncia citas falsas por parte da xerencia

Por 22 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Unha paciente do Hospital da Mariña con problemas reumatolóxicos nas máns e nos ombreiros denuncia que o hospital dá citas falsas para que os usuarios non protesten. Como explica a Plataforma Sanitaria, as dores que sufre xa as ten desde hai tempo, pero estes agraváronse desde setembro de 2018. Foi vista polo reumatólogo que recomenda unha nova consulta dentro de tres meses ou catro, como moi tarde, máis pasados cinco meses segue agardando que a chamen. Por este motivo acude a Atención ao Paciente a facer unha reclamación e, ante a advertencia de que ía chamar á prensa danlle ao fin unha cita para o 14 de febreiro de 2019. Máis non remata aquí o problema, pois aos poucos días chámana de novo desde o hospital para anularlle a cita, decíndolle que “xa a chamarán”.

A muller, indignada ante a estratexia da xerencia de “darnos citas falsas para pecharnos a boca e que non vaiamos á prensa nin á Plataforma Sanitaria”, decide contactar co colectivo sanitario para que lle redacte unha reclamación, que se rexistra o 5 de febreiro de 2019. 

Desde a Plataforma Sanitaria indícaselle que agarde un tempo para que a xerencia poida conseguirlle unha nova cita, mais pasado mes e medio volta de novo a Atención ao Paciente onde lle indican que non vai ser chamada de momento. Este é o detonante que leva á paciente a contactar novamente co colectivo sanitario para denunciar públicamente o seu caso.

Estou farta de que me tomen o pelo e xa non é a primeira vez que o fan. Cando me programaron para unha operación chamáronme para dicirme que o médico que me ía operar xa non estaba, e eu deseguida comprendín onde estaba a trampa, polo que respostei que se non estaba o meu xa habería outro que me operase. Se chego a caer na trampa igual ainda non estaba operada agora”, relata a paciente indignada.

Desde a Plataforma Sanitaria esixen á xerencia que deixe de xogar coa saúde das persoas e de burlarse delas porque “xa non lle colan á xente as trapalladas que están a inventar para dar largas aos pacientes en espera para unha consulta, proba ou intervención. Lembrámoslle tamén que se deben ao benestar da poboación á que atenden. Agardamos que tomen nota e cambien de actitude e de xeito de xestión, antepoñendo aos pacientes aos criterios economicistas e ideolóxicos“, conclúen dende a Plataforma Sanitaria.