Skip to main content
ActualidadeAMARIÑAXA

Preto de 13.000 escolares da provincia plantan bidueiros durante a 8ª Semana da Árbore e da Auga da Deputación

Por 22 Marzo, 2019Xaneiro 27th, 2021Sin comentarios

Un total de 12.848 nenos e nenas de toda a provincia plantaron este venres bidueiros nos seus colexios para pechar as actividades enmarcadas na 8ª Semana Escolar da Árbore e da Auga, que se desenvolveu estes días en 103 centros públicos de Educación Infantil e Primaria da provincia, organizada pola Deputación co obxectivo de conmemorar os días mundiais da árbore e da auga, o 21 e 22 de marzo. 

A Deputación editou os libros titulados A camiñada de Pin e O poder da auga, con historias de ficción axeitadas ao alumnado dos cursos de Educación Infantil e Primaria respectivamente. Nesta edición, as historias falan, a primeira de dúas pingas de auga que viven a aventura dun ciclo elemental, e a outra dunha dama da auga que loita contra a contaminación e salva as árbores. Ambas as dúas historias reflicten a importancia da choiva para a natureza, xa que sen auga non hai vida, e as tramas desenvólvense nos espazos naturais da provincia.

Para establecer as actividades elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha guía do profesorado que achega pautas para optimizar o emprego dos libros, que recibiron todos e cada un dos escolares inscritos, co obxectivo de achegar ás aulas a importancia da auga e o seu ciclo na natureza, de xeito que o alumnado goce e aprenda ao mesmo tempo.